6.03.2015

Pedalear até o ceo



Chegan ao souto as novidades de Tambre Edicións, selo galego da Editorial Edelvives e que se caracteriza por contar e apostar por autores galegos. Nesta tacada de novidades hai nomes máis que destacados da nosa literatura e, entre eles, o da escritora Ledicia Costas con Inmundicia e Roñoso, ilustrado por Laura Catalán. O éxito acadado por Ledicia Costas non obedece a nada máis que non sexa o esforzo e o traballo, o tesón de perseguir e ser unha auténtica profesional. Este ano non son poucos os éxitos que as súas novelas están a conseguir e todo é froito da súa percepción da realidade, do seu maxín, da súa personalidade e formación. A nada que profundamos na súa forma de escribir e nos contidos que incorpora apreciamos ese gran traballo que non se ve, na introdución de contidos, na empatía e nos valores. Non é nada fácil artellar un libro infantil, non é nada fácil que dea a sensación de que flúe como o fai.

Inmundicia e Roñoso é a mostra de observar dous cativos do seu barrio, dous nenos que remexen no lixo nestes tempos onde os que nos gobernan están máis preocupados de combinar a roupa para os actos públicos (desculpen a arroutada, no souto sentimos carraxe tamén ante determinadas cousas que teñen que ver cos pequenos). O seu é un relato que transmite amor, delicadeza e abre a esperanza para que soñemos con pedalear até o ceo. Son dous pequechos que van en bicicleta pola rúa, el detrás, ela diante pilotando, coa esperanza de atopar un tesouro para reutilizar, reciclar, amañar coa creatividade dos máis pequenos. É un relato de valores, do valor do respecto e da axuda que brindar fronte aos insultos ou os acosos como os da banda do Carolo. É un relato dun reloxo de cuco que non funciona e acaba sendo un tesouro colectivo, algo máxico, especial, importante, marabilloso como os dous cativos que sobreviven entre o lixo, a suciedade e a imposibilidade dunhas zapatillas novas.
No souto recomendamos esta lectura para facer reflexionar os cativos da necesidade de axudarse, de compartir, de empatizar, para educalos en igualdade, para sementar un mundo onde ningún neno teña que remexer no contedor e se o fai, que lle brindemos amor, axuda e comprensión cómplice cun sorriso. Recomendámola tamén porque está contruída maxistralmente, coas imaxes cargadas de realismo de Laura Catalán, eses ollos deseñados que son cómplices das palabras que,  pinga a pinga, como cando deitamos auga dentro do caldeiro conforman un discurso narrativo perfecto. Aos que rexen as nosas cidades tamén lles recomendamos a lectura e o visionado da realidade, para que se preocupen de combinar mellor a xente que vive nelas, para que abran os comedores e para que deixen os nenos soñar!



Sem comentários:

Enviar um comentário