5.31.2015

Grallamos igual que Ocazul canda a beleza


Temos que confesar no souto que tardamos en comprender a arte tanto musical como pictórica, non tivemos formación regrada ao respecto, outra eiva dun sistema educativo con demasiados departamentos estancos que debería facer da arte transversabilidade, incorporando nomes de pintores de noso e tamén dos ilustradores, que son os herdeiros naturais da arte galega, pois moitos son recoñecidos artistas alén da ilustración, e coa música outro tanto. A verdade é que o mundo da arte, ás veces se contempla desde lonxe, como algo alleo, nós intentamos formarnos dunha maneira autodidacta neste campo, conscientes da carencia, e aproximármonos aos poucos seguindo nun primeiro momento  aquel ronsel que ten que ver coa nosa historia e identidade, coa lingua e con pintores galegos como Castelao, Seoane, Sucasas, Laxeiro, Colmeiro, Manuel Abelenda, Urbano Lugrís, Maside... e moitos outros, que no souto coñecemos por ir aos museos. No tocante á música debería ser obrigatoria unha historia transversal desde a infancia, conservatorios á parte.
Falamos de arte, de pintores galegos, de representacións artísticas non de xeito casual, no souto non toleamos tanto aínda, falamos de arte, xa que contamos os Brabádegos cunha xoia que transita entre a arte e o álbum ilustrado e crémola imprescindible nas bibliotecas porque enche un oco antes inexplorado. Da man de Xose Cobas, autor de innumerables lenzos e de significativa relevancia na nosa LIX, chega Cadros para unha exposición, un libro-CD de Modest Mussorgsky, con música interpretada por Giuseppe Snopoli e o texto de José Antonio Abad Varela en Kalandraka.


Trátase dun álbum ilustrado delicado, unha alfaia, tanto pola música interpretada, como pola historia da peza e polo texto onde as palabras se acariñan con dozura. En 1874 o compositor ruso Modest Mussorgski concibiu esta peza que combina música e representación pictórica. En 1873 morre Victor Hartmann, arquitecto e amigo persoal de Modest Mussorgski. Como homenaxe a el e a partir dos seus cadros, o músico concibe Cadros para unha exposición, co firme obxectivo de evocar, a partir da música os cadros contemplados e as sensacións que as pinturas lle provocaron.
Cadros dunha exposición é un libro-disco protagonizado por Ocazul, a pequena gansa dun grupo delas que decotío transita diante do Museo de San Petersburgo. Un día Ocazul entra deixándose levar pola maxestosidade do edificio, de amplas salas, de impresionante beleza para unha pequena oca e descobre, no seu interior, os cadros de Víctor Hartmann, que provocarán nela a música que se escoita no CD que acompaña ao álbum. Nin que dicir ten que, aínda que o texto é marabilloso, de coidada sintaxe, adobiado das palabras xustas, das ferramentas precisas para voar, para que os pequenos soñen, o mellor é ver e as ilustracións de Xosé Cobas, coas súas tonalidades pasteis características, cun realismo delicado, goloso en detalles, de espectacular trazo, digno de recomendación para todos os que gocen da pintura. E a música é o broche final, o instrumento que nos envolve, que nos sacode, especialmente aos nenos curiosos, que nos completa unha ensoñación final da man da Filarmónica de Nova York baixo a dirección de Giuseppe Sinopoli. Fantasía e realidade danse a man neste relato precioso que invita a espertar a curiosidade, a imaxinación e que debería ser un imprescindible nas escolas de música no país. Artellar nun álbum ilustrado plástica, música e texto en perfecta convivencia é algo que só podía vir da man de Kalandraka, que nos transmite amor de xeito didáctico.  Unha obra onde os lenzos toman vida, facendo da visita ao museo unha experiencia inesquecible para os sentidos, didáctica pura para pais preocupados pola formación musical e pictórica, aqueles que queren que entre os momentos de lecer dos seus fillos estean as visitas aos museos, propóndolles así aos nenos, un momento de reflexión do que están a ver, formándoos necesariamente, educándoos exquisitamente para o futuro.


Recomendación imprescindible do souto para todas as bibliotecas, pais, nenos e conservatorios. Ver aquí.


Sem comentários:

Enviar um comentário