Todas, incluso alguén do souto, roubamos mazás na horta mentres ninguén miraba, ás agochadas das árbores xenerosas da aldea, todas paramos subidos nas pacas e co tractor en marcha para apañar cereixas. Na aldea, como nas historias como Per e o pequeno Mads, construímos canóns e artefactos co que atopabamos, fixemos pequenas trasnadas, que souberon a gloria nunha mestura de adrenalina, medo e inocencia.
Esta nova entrega dos do souto imos dedicarlla a Sushi Books que se consagra pouco a pouco na tradución do libro infantil xuvenil de alto nivel, con autores de prestixio dentro da literatura europea, e máis especialmente coa colección de Ole Lund Kirkegaadr. Este escritor dinamarqués é un dos autores máis reputados e de maior éxito no seu país, un escritor que antes de ser tal foi mariñeiro e mestre, a pesar de que non lle gustaba a escola.
Sushi Books publica cinco obras máis do danés Ole Lund Kirkegaard e engádense ás cinco xa publicadas na colección Intermedio de Sushi Books, en galego, castelán, catalán e éuscaro. A imaxinación, as risas e as trasnadas están garantidas con este autor clásico xa da literatura infantil e xuvenil. Todos estes títulos van en tapa dura e conteñen ilustracións interiores feitas polo propio autor. O seu peculiar humor, o de malos bos, o de humor traste, conecta deseguido cos máis novos, pois os rapaces a partir de oito/nove anos (dependendo sempre de se son lectores habituais) sorpréndense dos episodios e das historias intercaladas cheas de trasnadas.
Os títulos da colección son Albert, Frode e outros pícaros, Per e o pequeno Mad, Tippe Tophat e O pequeno Virgil que se unen a Otto é un rinoceronte, Orla Tragarrás, A aventura de Hodia de Piort e Tarzán de Goma.
Albert é un libro que conseguiu o Premio ao mellor libro infantil concedido polo Ministerio danés de Cultura no ano 1969 e que faría que o autor se dedicase a escribir profesionalmente ata a súa prematura morte aos 38 anos. Nel cóntase a historia da nai de Albert que querería un fillo con ollos azuis, ordenado e obediente. Pola contra, o neno saíulle un pouco salvaxe e sempre o cachan en situacións comprometidas. Pero no fondo é bo rapaz. Cheo de vida e de ideas, Albert sempre está disposto á aventura e amósase atrevido e resolto.
En Frode e outros pícaros, Frode vive na mesma casa có señor Storm (que odia a comida case tanto coma os nenos) e as señoras Irene TV e Ravn. No faiado instalouse un ser misterioso ó que Frode e os outros pícaros intentarán poñer rostro. Neste volume podemos ver pequenas pegadas autobiográficas do autor no personaxe de Simme, un rapaz maior que foxe da escola e que inflúe no protagonista. Tede coidado se vedes alguén parado mirando para o ceo, pois podedes acabar rodeados dunha multitude.
En Per e o pequeno Mads pasan a meirande parte do seu tempo gastándolles bromas ao vello Mikkel Paelg. Un día por exemplo, chega unha nena nova á escola e pensan nela como nova vítima das súas falcatruadas, mais a pequena igual non queda atrás. Neste libro sabemos ademais da caza dos ladróns de mazás de Vinneby e unha cabra moi moi moi fera que fai que chovan mazás.
Tippe Tophat é un libro de historias diversas. Polas súas páxinas pasan unha avoa descomunal, un neno que acaba casando, sen comelo nin bebelo, uns rapaces que van á escola para lanzar bocadillos de maionesa ao encerado, un ferreiro toleirán que conta historias incribles e un personaxe que se rebela contra o escritor. Todo un universo do máis estrambóticas que resultan de lectura fácil e entretidos.
Por último, O pequeno Virgil, que conta como no galiñeiro dunha casa vive un neno que se chama Virgil. El e os seus amigos Oskar e Carl Emil pásano moi ben buscando tesouros, capturando dragóns e facendo regalos de aniversario que son moi especiais e que chimpan moito.
Todos estes libros, que abren as portas do universo construído por Ole Lund Kirkegaard, destacan polo seu enxeño, divertimento, tratando temas comúns a todos os cativos e convidan a soñar cos amigos, na escola, na eira, coa familia, con moita dose de fantasía e humor. Os rapaces len se cultivamos o que lles atrae, se lles ofrecemos frescura e orixinalidade na historia, se empatizamos con eles. Unha boa proposta para enganchalos á lectura cando xa len nunha etapa, a da preadolescencia, na que tenden a autoafirmarse, a remexerse e definirse.
Sem comentários:
Enviar um comentário