Cando no souto limos Os ratos da casa, de Oli e Natalia Colombo os nosos nenos iluminaron a cara, con tenrura. Os ratos chegan e invaden a casa e, a familia que vive dentro, co gato, co neno, ese neno que non intervén, ese neno, somos nós, que os adoramos, que nos mostramos cómplices, que sorrimos cando se meten dentro dun bote. O texto amósanos un devir de acontecementos e guíanos explicándonos que así como o ceo se fai coa montaña, a montaña se fai co camiño e as cousas suceden, os ratos, os ratos miúdos fanse coa casa e forman parte dela, aínda que marchen e volvan, sen que nós o poidamos evitar. Ao maxistral texto che o de dozura e sensibilidade case poética, súmanselle as ilustracións de Natalia Colombo que achegan unha gran riqueza cromática, a utilización de ceras e lapis de cores, e a representación de espazos domésticos, onde os lectores poderán atopar graciosas chiscadelas cotiás, unha artista que xa nos conquistou con Cerca, Niños... e que destaca pola súa personalidade. Oli, que a primeira ollada nos pode sonar estranxeiro, é mestre de Primaria, tradutor, escritor e especialista en literatura infantil e xuvenil, galego, unha desas figuras silandeiras que desenvolve traballo cotiá para o ben comúne co-director da colección Seteleguas de Kalandraka, editorial na que publicou tamén Once damas atrevidas, O pirata pata de lata e Artur, libros que podedes ver no catálogo da editora.
Os ratos da casa é sobre todo, un libro divertido, un libro que provoca o sorriso e a curiosidade, onde reparar cos detalles, nas mil portas das casas, nas follas dos camiños e na dozura das súas palabras. Unha xoia pequena coma un rato ao que mirar con complicidade.
.
Moitas grazas por expresar a vosa opinión e que por riba sexa boa.
ResponderEliminar