Sushi Books edita esta marabilla, este libro tan necesario, porque, acaso non vos preguntáchedes algunha vez que onde están os calcetíns que vos faltan?, e con todo o que artellastes para que non desapareceran até incluír unha goma no seu lavado? Pois Os papacalcetíns son un libro singular e divertidísimo para rapaces ou non tan rapaces que len autonomamente e que gozan de historias que teñen que ver con eles, quen son, onde viven, como se comportan, como é que desaparecen eses calcetíns perdidos e onde van parar. Por medio do vello profesor René Melenas e o músico Egon Lourenzo (os únicos humanos que foron quen de observar os papacalcetíns) coñeceremos o mundo secreto destas criaturas, de Hihí, de Ramsés e de Tulamor, Tulamor senior e a súa fortuna de calcetíns, sendo o gran xefe, Vasil... nunha historia chea de suspense e humor que fala de calidades (o algodón e a súa suavidade), fácil de seguir, con diversidade de historias que contan do seu carácter, da súa voracidade, doutros continentes, de aventuras entretidas e de amizade.
Un libro que xa se atopa nas librarías traducido, de fermosa edición en tapas duras, adaptado por Moisés García e que tamén se edita en castelán, Esta sorpresa editorial colleitou un notable éxito en países de Europa do Leste e mesmo se está a realizar unha película de animación baseada nel. As ilustracións de Galina Miklínová engaden singularidade e encamiñan cara á ensoñación, introdúcennos no mundo fantástico constituído por estes orixinais personaxes. Pápase ben e presta, as túas dedas non volverán protestar, amarás o algodón, animádevos e lede!
Sem comentários:
Enviar um comentário