4.26.2015

Pa chuchar, as gominolas!

A quen non lle gustan as gominolas? Quen non é larpeiro? Quen non se pode resistir?


Ao souto chegou o blues, o country, rock, pop, punk, reagge, heavy metal, ska, non hai folla no souto que non se nos mova, que non abanee, que non siga acompasada as notas e as letras de A Gramola Gominola, formación musical composta por Paula Romero, Ro Muñoz, Anxelo de Xermar e Paco Cedeira, e que presenta o seu traballo inserido na colección Sonárbore de Galaxia. Esta colección, cun amplo abano de títulos de música para pequenos, ampíase con este traballo dirixido aos rapaces, eses que xa non son tan nenos, xa saben o que queren, e toman decisións, eses que xa poden mover o esquelete identificándose coas letras de Paco Cedeira. Falamos de letras que se refiren a espazos comúns como o recreo, de rapaces que medran, que afianzan a súa personalidade xogando como sempre se xogou na terra, xogando á billarda, ás chapas, ao bote ou á chave. Dez temas que conteñen valores, lémbrannos que temos que almorzar ben polas mañás ou falan de compartir. Un libro-cd visual e bailable, divertido coma o sangue que corre por prados e veigas para que non pares de sorrir.
As ilustracións de Lidia V. Cardeiro completan un traballo fresco e dinámico, refrescante coma unha gominola desas longas e con pica-pica que poderás gozar no coche, en directo ou na independencia do teu cuarto.





Sem comentários:

Enviar um comentário