5.06.2015

Un lugar máxico onde soñar


Hoxe no souto imos falar dunha marabilla de conto, moi económico pois non chega aos dez euros, que atesoura maxia e coñecemento, didáctica, poesía, prosa poética e sensibilidade extrema. Se ben o tema da crise económica é un deses aspectos difíciles de tocar e abranguer por non ferirmos sensibilidades, é un problema que non podemos obviar, xa que afecta a moitos meniños do país e a moitos pais que non saben como facerlle fronte. A maxia é o que move todo, a que cura todo, é o elo común que artella un conto ben elaborado, ben trazado argumentalmente, ben construído para sandar determinados aspectos dunha sociedade que ás veces é inxusta. Partindo desa base e tendo como autor do texto a un dos monstros da literatura infantil e xuvenil como é Antonio García Teijeiro, o resultado non pode ser outro que o do libriño A nena do parque, ilustrado por Nuria Díaz e editado por Edicións Embora.


Trátase dunha xoia miúda que fala dunha nena que ten como refuxio para soñar un parque, un deses pulmóns da cidade, descoidado polo poder político, e que ten feliz a fai. Como poñerlle unha solución á desidia deses políticos mediocres que nos rodean? Pode facer algo esa cativa? Pois a resposta é a dozura, a delicada conxunción dun discurso case lírico que vai acompasado da maxia, dunha maxia verde, po de estrelas, da man da dunha meniña inquieta e soñadora. A nena do parque é un deses libros que conmoven, que te atacan cando os les, que fan que te metas na cama canda a nena, que uses esa escaleira debuxada e a empregues para subir os chanzos até tocar as estrelas. García Teijeiro, para o souto o construtor do discurso poético por excelencia da nosa LIX, ten o poder de acariñar coas súas palabras, de espirnos para que nos imbuamos por completo nun texto que atrapa, que mestura e ensina a poesía, un texto que se volve necesario e práctico para mostrar o poder da lírica.
No souto recomendamos esta obra sen facer de menos a crítica á política actual, á deshumanización das cidades, á perda da imaxinación e sumámonos a debuxar estadas ata chegar ao alto das copas dos castiñeiros repoboados polo verde orballar dun día de primavera.
As ilustracións de Nuria Díaz constrúen a ponte necesaria cara á ensoñación, cara á tenrura dunha nena que se mete nos nosos corazóns e amosa sen adobío esa cara escura do poder político.
Unha marabillosa historia que se le no que dura un ai!


                                                                                                       

Sem comentários:

Enviar um comentário