4.04.2015
Un convite para voar, Rubicundo.
Hoxe presentamos unha obra á que lle temos moito cariño no souto. O ano pasado os brabádegos tivemos a oportunidade de acudir aos premios Xerais de Literatura, máis concretamente ao premio Merlín e, entre as obras que limos, estaba esta marabilla que nos fixo voar. Como sabedes o galardón foi para a nosa Escarlatina, da gran Ledicia Costas, pero se tiveramos que conceder algún máis sen dúbida estariamos ante unha boa candidata polo amor que transmite este libro, polo marabilloso convite a soñar que é Rubicundo. O libro do que falamos hoxe é da incansable e creativa María Canosa, que conta cunha máis que recoñecida traxectoria na nosa literatura. Hoxe presentamos Rubicundo, de María Canosa e Nuria Díaz, que completa este marabilloso finalista dos Merlín 2014. Como sabemos a historia, desde o minuto un por ser parte do xurado, podemos contar un segredo, no souto estivemos no proceso e sabemos tamén de moi de boa man que cando Nuria Díaz leu Rubicundo namorou del. Rubicundo pasou a ser dela e loitou, loitou por voar canda el. Ese amor, esa historia de maxia que conta María Canosa, dun veciño que esconde algo, dunha nena que o espreita para ver o que fai polas noites, dese renxer da bicicleta, desa maxia, foi o que cativou a Nuria e a fixo deseñar un Rubicundo especial. Estas dúas autoras da vangarda da LIX artellan unha historia onde Erea, unha nena máis que curiosa, unha nena espilida, intenta comprender e descubrir o gran segredo de Rubicundo. Evidentemente, porque lemos todo o que publicamos, sabemos do segredo e non o imos contar, só diremos que recomendamos este libro coma se fose unha das nosas castañas, un ourizo. Contaremos que nel hai maxia da de voar, intriga, misterio e valores dos bos que fan que enganches nel e non o poidas deixar. Diremos que os nosos nenos, os nenos do souto, en canto medren un pouco gozarán desta preciosidade que é Rubicundo, xa que se hai algo que reúne este libro, que atesoura este libro, é que é deses que invita a soñar e no noso mundo soñar é imprescindible.
Recomendámolo no souto porque coas súas imaxes voas, porque coas súas palabras voas entre as nubes coma Rubicundo.
Publicada por
Brabádegos
à(s)
05:42
Enviar a mensagem por emailDê a sua opinião!Partilhar no XPartilhar no FacebookPartilhar no Pinterest
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário