12.20.2015

Volta, viravolta, brinco, pirueta, baile do planeta!


Hai obriñas que cando caen nas nosas ponlas provocan en nós maxia, despréndense de nós as castañas, as follas mecen co vento e as nosas raíces beben sen parar. Hai poetas, xenios da palabra, que poseen o xen, ese xen da palabra perfecta, de compromiso, da dozura precisa, do brillo do mar. Falar de Pepe Cáccamo é falar dun deses seres marabillosos e grandes que atesouran as nosas letras, un mestre da palabra, do sentimento e do mar, ligado eternamente a Santo Hadrián de Cobres coma un con máis da súa paisaxe espectacular, un pequeno paraíso que, sen lugar a dúbidas, ofrece a nosa costa. 


Sopa de Estrelas é un libriño miúdo pero moi moi grande para nenas de Infantil editado por Urco Editora e ilustrado por Berta Cáccamo. Esta obra ten un formato pequeno pero é moi grande, é unha proposta plástico-literaria sobre o Universo, o sistema solar e os planetas. Trátase dun poemario para soñar o sistema solar, oito planetas coma sete galletas e un biscoito, toda unha declaración do que debe ser dozura e palabra e do que ten que haber na aula. Traballar coas nenas, desde o concreto para facelos soñar sen límites. Biscoitos, pan, mel, caracois, aneis... para voar co vento de Marte, entrando no anel de Saturno, xogando coa neve de Neptuno, soñando os mares de Xúpiter, mercando luces de Mercurio entre as folerpas de Urano, todo arrodeados de cóxegas de man do Sol, bañándonos na sombra da Lúa.
Unha pequena marabilla de gustosa lectura, reconfortante e que vai acompañada de ilustracións en acrílico con tons pasteis. Unha oportunidade única de gozar de Pepe Cáccamo co seu mar, nunha proposta económica, coa súa imaxe, co seu domínio da palabra, co seu convite eterno a soñar, unha obra que nace para encher ocos, para facer país desde o cotiá, como resposta á necesidade dos nenos e nenas da Escola Infantil do Ribieiro, situada no satélite de Santo Hadrián de Cobres do planeta Vilaboa do Morrazo.

Os mércores en Mercurio
Hai mercado popular.
Mercan meteoritos brancos,
venden estrelas de mar.

Recomendámolo para traballar na aula, para nenas e nenos de Infantil.



Sem comentários:

Enviar um comentário