12.07.2015

O chifre do Tío Montague

Sushi Books é unha editora que xa podemos dicir que está especializada en literatura para mozotes, literatura de autores contemporáneos que están a triunfar en Europa. Desta vez salientamos un volume de Chris Priestley que no souto deixou pegada. Chris Priestley é un escritor e ilustrador británico que sempre gustou das historias de medo, de Edgag Allan Poe e Ray Bradbury. Trátase de Os contos de terror do tío Montague traducido por Eva Almazán. As ilustracións, realmente acaídas para o texto desta edición, son de David Roberts.


Os contos de terror do tío Montague é a historia dun neno chamado Edgar, que ten que cruzar un bosque para ir á casa do seu tío, un ser sinistro, raro, que vive nunha casa tétrica, cun mordomo ao que se lle supón que está, pero non se ve, unha cancela de dificil apertura, un bosque que hai que atravesar, árbores, nenos... Unha historia que non imos desvelar de todo. Que o seu tío é raro, un personaxe singular, é coñecido para os pais de Edgar, mais como este ten tempo libre e non acouga, depositan nel a confianza de entretelo, de que comparta con el as horas, e o tío, ao que lle gusta contar historias, fascina o sobriño con contos arrepiantes diante da cheminea, tomando té, contos que falan de obxectos singulares, de nenos, dunha boneca minúscula, un cadro dourado, un anteollo, personaxes arrepiantes, pantasmas, unha serie de contos narrados maxistralmente nunha linguaxe próxima e ao mesmo tempo enriquecedora, rica en descricións e en léxico. Son doce contos  dirixidos a rapaces xa autónomos, afoutos e sen medo, rapaces dispostos a saber que se agocha tras a figura do tío Montague, un vello director de colexio que se desviou do camiño para adentrarse nunha perigosa deriva. O misterio, a intriga, o conto de propina, converten este libro nunha recomendación do souto, un magnífico volume para atrapar lectores deses que se resisten e buscan historias diferentes, historias que abren os ollos, con sorpresa final e fan que mires para os lados.


As ilustración de David Roberts son verdadeiramente tétricas, ricas en detalle, coma tapices de época ou distintos tipos de papel de parede, alfombras, cadeiras, corvos, vexetación dimensionada, personaxes faltos de vitamina C en branco e negro. 

Unha novela coa que atreverse... antes de que escureza. Boa opción para ligala con Poe ou Un ollo de vidro de Castelao.


  

Sem comentários:

Enviar um comentário