4.09.2014

Asulagada memoria


Parece que a primavera non se atreve a manifestarse de todo. Este ano vén cargadiño de auga e a friaxe non quere abandonarnos. En vez de sentar a carón dunha árbore, un castiñeiro é sempre unha boa elección, sempre podemos facernos cun sofá deses da casa que xa ten a nosa forma para ler. As rutinas axudan por que se ti es lector, se che gusta ler, as historias que che contan na tele van ser en comparación moito máis aburridas, ruíns, así que anímate, sóltate, dilles aos teus pais que queres mergullarte na lectura, que se estiren un chisco ou, se non hai forma, vai á biblioteca!
Nesas marabillosas estancias que son as bibliotecas podes atopar moitas e divertidas aventuras como a que hoxe presentamos de Edicións Embora, con autores galegos que posúen un enxeño singular, como Concha Blanco. O libro que hoxe presentamos chámase Cos ollos do avó e ademais está ilustrado polo gran Xosé Tomás.  É unha noveliña que nos conta unha historia similar a outras que aconteceron no noso país, o asulagamento de vilas para construír encoros, e que nos axudan a comprender como se sentiron os habitantes destas poboacións, das inxustizas, da ligazón coa terra. Algunhas desas vilas cando baixa a auga dannos a magnitude da traxedia que debeu supor o seu desmantelamento, é o caso de Portomarín que cando baixa o nivel da auga pode verse moi ben
. A historia que se nos conta é a de Sofán do Val, que desaparece do mapa por decisión do Goberno e pasa a ser un encoro. Os seus habitantes tiveron que asentar noutros lugares de Galiza como lle ocorre ao señor Noé quen, con Isaura, a súa neta, fai visitas ao que foi o seu fogar. É unha historia moi fermosa que nos conta da complicidade que hai entre os netos e os avós, os puntos de unión (como o gusto pola natureza), a presenza dun tempo que se perde, que esvaece, esa conexión máxica que hai entre vellos e nenos en que se transmiten valores únicos e positivos das vivencias. E que dicir de Xosé Tomás, das súas marabillosas ilustracións feitas en branco e negro, con ese trazo que o define, o de conseguir captar a esencia do realismo da historia. Ninguén coma el para amosarnos esa realidade vizosa no detalle, unha delicia para os que non sabemos case nin coller un lapis. Esta obriña xeitosa é a esencia da tradición e a dozura ben narrada e transmitida, esa que todos os que gozamos dos nosos avós e imos xa algo maiores non imos esquecer endexamais.

Sem comentários:

Enviar um comentário