Chove, todo está enchoupado, escorrega polo souto nun mar de auga que non cesa, e as páxinas van unhas detrás das outras nunha invernía eterna. Mentres non chegan as raiolas do sol que agroman entre as follas das árbores, propomos unha visitiña á fraga, ao souto, á beiriña mesmo dos animaliños que conforman ese ecosistema que tanto lles gusta aos pequechos. Facémolo da man de dúas obriñas editadas por Kalandraka contra final do ano pasado. O xenial e simpático Renato, de Manolo Hidalgo, e Boas noites, Bufo!, de Pat Hutchins traducido por Sandra e Óscar Senra Gómez.
Renato é obra de Manolo Hidalgo, as súas ilustracións perfectamente coordinadas co texto tiveron unha mención no Premio Daniel Gil 2005 de Deseño Editorial.
Os edificios, os paxariños, as árbores, a serra, o coche no que se despraza, e incluso as folerpas de neve coas que Renato xoga no inverno están maxistralmente en harmonia nese mundo tinguido de vermello, branco e negro. De tapas de cartón duro para un público a partir dos tres anos, Renato traballa á perfección sentimentos, a autoestima, a autoaceptación, a solidariedade, a colaboración, a busca da felicidade e o respecto ao medio entre outros. Por só dez euriños consegue espertar un sorriso entre os pequenos. Este orixinal personaxe, co que empatizar, podes incluso telo moito máis de preto ao ires durmir, xa que podes tamén atopalo en pixama na firma de moda infantil Casa K
Outro que tamén anda ceibo polo monte é Bufo. En Boas Noites, Bufo! este animaliño nocturno terá que armarse de paciencia, por que á árbore na que pretende descansar non paran de chegar un monte de animaliños emitindo sons. Trátase dun álbum para prelectores creado ilustrado por Pat Hutchins, autora de O paseo de Rosalía, outra simpática obra chea de humor e orixinalidade. Ao longo do relato vanse achegando ao protagonista outros animais cuxas voces durante o día non lle deixan conciliar o sono. As onomatopeas axudan os prelectores a familiarizarse cos sons, podendo así ser partícipes da narración do conto. O final do relato, cheo de forza, sorprenderá pola simpleza, pero tamén polo enxeño. Estamos diante dun clásico da LIX ao tratarse dun libro destacado pola Asociación de Bibliotecarios de América en 1972 e co que podemos afondar nos sons dos animais, traballar o respecto ao medio, os números e o xogo mnemotécnico. A combinación de cores, o coidado na edición e o dominio do espazo, pois nun único escenario vai debullando a fraga toda, merecen a pena, e todo por 14 euros.
Sem comentários:
Enviar um comentário