Chegou a choiva e as gotas de auga esvaran lentamente polos cristais da casa, non todos os días podemos saír xogar á rúa, pero sempre podemos botar man da imaxinación e sementar soños. Podemos apañar calquera dos contos que temos pola casa e viaxar a lugares remotos de reis e de raíñas coma somos nós, fedelliños rebuldeiros,
que precisamos ler para poder poñer paixón sempre no que fagamos.
De cando en cando aterran ao pé dos castinheiros follas perfectas, libros únicos e moi coidados que, coma as gotas de auga cando callan, fan as delicias de todo o souto. É o caso de dous volumes que edita Baía Edicións, Cleopatra, raíña do Nilo e Oliver Twist, e que calquera que lles bote un ollo ficará namorado. Dentro da colección de Grandes personaxes, reais ou imaxinarios poderás conhecer máis de Cleopatra, a raínha de Exipto, que gobernou o seu pobo. Como Raíña foi admirada e desprezada. Como muller, era poderosa e apaixonada. E como lenda, Cleopatra é unha das personaxes máis célebres da historia.Desde o seu ascenso ao trono até a súa tráxica morte, Cleopatra levou unha vida excepcional, polo que aínda hoxe estamos cativados polo seu encanto, intelixencia e valentía. O texto de Marie de Prémonville adaptado maxistralmente por Ánxela Gracián e as impresionantes ilustracións de Daniela Volpari conférenlle a este volume a sorte de ser xunto con Oliver Twist unha das mellores obras que, para nenos a partir dos seis anos, teñen pasado polo souto en canto a coidado na edición. As imaxes, cheas de personalidade e detalle, sorprenden ao lector e marabillan cos detalles.
De Oliver Twist, baseado na novela de Charles Dickens temos que dicir o mesmo, pois comparte ilustradora. Os textos, tamén adaptados por Ánxela Gracián con moito acerto, son de Juliette Saumande. Conta, como moitos saben xa, a historia de Oliver
Twist, un orfo de 9 anos, logo de sufrir no orfanato a explotación, a
fame e o medo, marcha a traballar como aprendiz para un enterrador.
Maltratado tamén na funeraria, decide escapar e camiñar moitas millas
para chegar a Londres. Unha vez na capital, Oliver coñece un carteirista
da súa mesma idade que traballa para Fagin, un home sen escrúpulos que
se fai cargo del, utilizándoo para os seus roubos...
Os dous volumes de Baía Edicións son perfectos para agasallo, para quedar máis que ben e para introducir coñecementos nos nosos cativos de cultura universal.
Sem comentários:
Enviar um comentário