9.17.2013

Viaxes na procura da aventura



Hoxe toca Everest Galicia e dúas obrinhas que hai un anaco de tempo que xa temos no souto. Non queda outra que retomar as aulas e esquecer as vacacións para cando volvan. No souto xa temos gañas de xantar un bo cocido, pero non nos imos queixar, xa que o tempo permite que os nenos corran ceibos polos parques das cidades. 
O cocido, pois, non o temos, pero si podemos ver o inverno, aprezalo con claridade grazas á marabilla feita libro ideada pola telesiva María Canosa e polo prolixo Dani Padrón. Inverno é o nome do protagonista, unha pinga azul ceo que nace a finais de agosto e viaxa entre as estacións, formándose, variando de estado, de localización, soñando co tempo. Un libro que atesoura dozura na escolla da linguaxe e aloumiño na ilustración.Tanto ten que se resista, este pequeno verase arrastrado polo ballón cara á aventura e nós iremos inevitablemente canda el cunha ollada limpa de curiosidade, esa ollada que poñen os nenos cando un libro é moi bo. Un exemplar recomendado para cativos a partir dos oito anos, para soñar como cómpre antes de metelos na cama.

A segunda proposta de hoxe, tamén dentro da colección Rañaceos para rapaces a partir dos oito anos, destaca tamén pola súa orixinalidade. O Encanto da Pedra Cha é un poema de Rosalía de Castro no que un nobre cabaleiro enfeitiza unha rapaza con riquezas terreais. Ela cae na tentación e paga coa súa propia vida.Tres rapaces de hoxe, Luía, Xela e mais Bieito, visitan unha antiga posesión familiar cunha gran casa en desuso. Nun cuarto da vivenda atopan unha lápida cunha inscrición na que se pode ler un anaco do poema de Rosalía. Ao carón da lápida, hai unha porta que agocha un mundo misterioso e aparentemente silandeiro. Que pasa cando a ficción se fai realidade? Traspasa a porta con Luía, Xela e Bieito… Un misterio á altura de Pere Tobaruela ilustrado por Daniel Xove revitalizando o mundo da Banda Deseñada e facendo, con grande acerto, este mundo atractivo para os máis novos.

Mergúllate na LIX!




1 comentário: