9.05.2013
Mira, mamá, sen mans!
No souto resistímonos a quitar os pés da area á beiriña do mar e seguimos gozando de lecturas máxicas e orixinais. Desta vez imos recensionar dous libriños de Oqo editora que cada vez sorprende máis pola súa acertada temática e polas marabillosas ilustracións con álbuns cargadiños de cor.
Nesta editorial pontevedresa xa case contan cun libro para tratar todas as temáticas ou preocupacións que nos saen sobre os nosos filliños. Os dous volumes que nos ocupan nesta ocasión son Demo de dente! de Pep Bruno e Amrei Fiedler e Onde estás caracol?, de Susanna Isern e Leire Salaberria. Demo de dente!, da Colección Q, é máis ca un libro, é todo un manual de como podemos facermos ante a caída dos dentes de leite. A primeira vista calquera diría que Pep Bruno toleou, pero en realidade trátase de facer humor de algo que é común en todos os pequechos, o cambio dos dentes de leite aos definitivos. Coa súa divertida visión, achega ademais os pros e os contras de que facer mentres non nos caen os cairos ou cando arrandean ao tocalos coa lingua. As simpáticas ilustracións de Amrei Fiedler completan este surrealista toque de humor e avanzan un riso de complicidade en todos os papás e mamás.
Onde estás caracol?, dentro da Colección O, é toda unha explosión de cor da man de Leire Salaberria, unha proposta diferente e persoal da autora en canto á técnica, á ilustradora apetecíalle cambiar “por completo” a súa forma de traballar. Deixando os recortes de papel a un lado decantouse polos acrílicos e os pinceis apostou pola cor nun relato de Susanna Isern que fala de constancia por parte dos dous protagonistas, Caracol e Lagartiña, nunha loita contra a adversidade, aínda que esta sexa, principalmente, meteorolóxica. Consecuentemente, Caracol e Lagartiña terán a súa merecida recompensa, como adoita suceder cando hai tenacidade e nos guían os bos sentimentos. Unha historia desas de amor tan necesarias ás veces entre os nenos para que soñen cun mundo mellor.
Publicada por
Brabádegos
à(s)
02:08
Enviar a mensagem por emailDê a sua opinião!Partilhar no XPartilhar no FacebookPartilhar no Pinterest
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário