No souto temos predilección pola colección Merliño de Xerais e hoxe presentamos dúas das novidades desta colleita ideal para cativos pequechos que de seguro se converten nunha boa opción para agasallar. Con tapas duras e inzada de cor, a colección está coidadosamente destinada a un público que comprende dos 6 aos 9 anos. O señor Corpo quere xogar, de Alicia Borrás e ilustrado por Rodrigo Chao é deses libros que axudan a pais e nais á hora de ensinarlles aos seus fillos contidos educativos e introdúcenos no mundo da poesía ao mesmo tempo.
O señor corpo quere xogar, quere moverse, quere brincar. Dona Cabeza vaille axudar, os ollos terán que mirar, a boca falar, as orellas escoitar, coas pernas camiñar e cos pés andar. E que fará o señor Corpo cos brazos, coas mans, co cuíño..?
Un volume que explica dunha maneira diferente o mecanismo do corpo humano, o seu funcionamento, como é a cabeza a que rexe todo, botando man da poesía e das ilustracións de Rodrigo Chao, que son imaxinativas e máxicas facendo que o noso maxín voe aínda máis se cabe, con lúas minguantes e letras que agroman dos libros, gatos que miañan, buguinas xigantes, quebracabezas, bandullos que semellan globos... Todo un dispendio de arte!
O segundo dos Merliños dos que hoxe nos facemos eco mestura maxistralmente tradición con modernidade, co futuro inmediato que agroma en cada meniño, co tecnolóxico, sen perder o que debe permanecer en nós, o que de sempre foi transmitido de pais a fillos, figuras como a do home do saco ou a de Pedro Chosco. Esas tan necesarias para poder reencontrarnos coa nosa identidade dunha maneira divertida.
N' O aprendiz de Home do Saco, de Antonio Reigosa con ilustracións de Marta Álvarez Míguéns, cóntasenos a historia dun vello Home do Saco que estaba moi amolado porque o seu fillo non quería herdar o seu oficio, pero un día todo cambiou por que o seu pai enfermou e o rapazolo nugallán tivo que aprender en pouco tempo o oficio e os trucos para ser un bo home do saco. Marta Álvarez engádelle a esta singular visión deste personaxe tradicional a personalidade precisa ideando un raparigo rebelde e uns escenarios perfectos cheos de realismo máxico.
Dúas recomendacións para unha tarde calquera, nun anaquiño calquera deste longo e chuvioso mes de maio. En breve máis das novidades desta grande editora galega.
Sem comentários:
Enviar um comentário