10.29.2012

Palabras que sementar


Xa chegan os magostos á Galiza, tradición de antergo, e os ourizos xa están ciscados polo chan. Toda a xente estivo a recoller castañas e asadiñas prestan moito para mitigar o frío. Xa hai que ir pensando en matar o tempo nas frías tardes de novembro cando saír ao exterior non é unha boa opción e, para calmar os folgos dos nosos bechiños, temos un ronsel de obras nos estantes das librerías, propostas xeitosas e con moita miga como as de Galaxia.
Á parte do disco María Fumaça, interpretado por Uxía, Sergio Tannus e Magín Blanco, entre outros; o hit deste outono e do que xa falaremos máis devagar e cara aos agasallos deste nadal, Galaxia aposta por completar a colección Audicontos e por brindarnos dous títulos novos da colección Os Duros da man de Miguel Anxo Mouriño e Dores Tembras.
Así pois, Miguel Anxo Mouriño coa ilustradora Minia Regos artella As noces do arco da Vella. Unha historia linda na que Paulo, un cativo que ten a alma de cores fará unha marabillosa viaxe. Isto pásalle, a Paulo, porque os seus ollos son coma ás de bolboretas brincadeiras e porque ten a alma chea de alegrías e roibéns. Todos os nenos queren saber dos animais que habitan no monte, e esa fascinación que gardan, ha de ser aproveitada por nós para que aprendan a amar a terra dende cativiños. Un conto que transmite paz e amor pola natureza magnificamente ilustrado por Minia Regos.
E como Galaxia sempre aposta polos autores nosos, os que constrúen o maxín coas cousas de noso, O peizoque Roque, de Dores Tembras e ilustracións de Xosé Tomás é unha opción máis que recomendable para os pequechos que tamén fala de animaliños. Este peizoque Roque pescuda palabras polo bosque. Palabras que saben, que abrigan, que arrecenden. Verbas de luz e de música que alimentan a vida. Unha historia de aloumiños tenros dunha mamá cara aos seus fillos nun ceo inmenso de arrolos e de contos longos. O pequeno deles, O peizoque Roque, o simpático paxaro ideado por Xosé Tomás, de formas redondas e repoludas, vai á procura de palabras que en forma de poesía, serven para introducir os nosos pequenos no acolledor mundo lírica e enriquecer, ao mesmo tempo, o seu vocabulario: millo, estrela, xeada senfín, cóbrega...
Galaxia, unha das editoriais pioneiras no sector do Ebook e en edición de libros-CD e álbum-CD, é ademais, unha das editoriais galegas que máis se implica na adaptación de contos tradicionais por parte de autores e ilustradores consagrados. Para aqueles que non coñezades do que estamos a falar, invitamos desde o souto para que coñezades os Audicontos, que son contos tradicionais musicados e narrados que incorporan ademais do soporte tradicional do papel, un CD. Aos títulos xa editados con anterioridade como Branca de Neve ou A casiña de chocolate, nesta ocasión preséntase Xan o das fabas máxicas, adaptación de Xesús Carballo Soliño con ilustracións de Ana Santiso; e O labrador, a raposa e o lobo, adaptado por Xavier Senín e ilustrado polo gran Manuel Uhía. Dous contos tradicionais que contan por un lado a historia de Xan, un neno espelido e pobre que vive coa súa nai e que ten claro que algo hai que facer para non pasar fame e a historia dun home que estaba labrando unha veiga, pero o boi era un mangante e non quería traballar. Vendo que o boi non se movía, dixo o labrador: Se viñese o lobo te comese…!

Xa ves, un ronsel de obras lindas e feitucas, á vez que económicas e de noso, apostando polo tecido cultural galego se as agasallas, con valores e educativas... Aínda non te decataches de que os nenos andan cansos de tanto xoguete que rompe!...
Máis info: Galaxia ou en Audicontos.
En breve no souto dirémosche por que non podes deixar de mercar o libro-cd María Fumaça!

10.24.2012

Ler e gozar. Mundo Oqo I.

A edición do libro infantil e xuvenil en Galiza, a pesar das distintas eibas do sector, da falta de apoio institucional e da forte crise, conta un nível produtivo envexable grazas á implicación social das nosas editoriais e ao forte compromiso. O noso panorama literario vese enriquecido ademais por obras de calidade e os nosos autores estan posicionados na vangarda. É tanta a orixinalidade que sería difícil escoller entre a diversidade, pois todas as editoras deste noso país posúen trazos característicos que os definen como únicos. Oqo é un dos buques insignia dentro do álbum ilustrado e conta cunha produción envexable, pois non hai mes que non edite unha obra singular e orixinal.
Neste especial Brabádegos dedicado a esta editora pontevedresa destacamos unha serie de volumes que foron vendo a luz ao longo do verán e que chegan ata a máis recente actualidade. Para aqueles que non coñecen esta casa cómpre salientar que son especialistas en Stop Motion, cousa que lles está a reportar moitos galardóns, xa que conseguiron facerse co Festival Internacional Brasil Stop Motion 2011 e máis recentemente foron seleccionadas tres curtrametraxes súas (A Grande viaxe, A pota que trota e A cousa que máis doe no mundo) para a Mostra Internacional de Cine de Animación da Baixa Fluminense en Río de Xaneiro, presentándose ademais noutros certames internacionais como o Japan Price 2012, que cada ano recoñece os mellores produtos educativos audovisuais de todo o mundo.
O primeiro volume que presentamos é A escaleira, de Beatriz Montero e Guridi:

 Chamou á porta:
Din-don! Din-don!
Non había ninguén.
Deixou a carta no chan…
… e baixou, baixou, baixou pola escaleira.
Esta acción repítena, co mesmo resultado infrutuoso, o zapateiro, o xardineiro e o panadeiro. Deste xeito, enriba da carta depositada ante a porta do cuarto piso acaban acumulándose un par de zapatos, un ramo de flores e unha barra de pan ata que entra en escena unha nena resolta. Do mesmo xeito que o resto de personaxes, a pequena sobe pola xa coñecida –para o lector– escaleira ata o tamén consabido cuarto piso. Unha vez alí, o relato dá un xiro inesperado, grazas á espontaneidade e picardía da pequena que resolve con graza e de inmediato toda a trama. A escaleira é un conto orixinal de Beatriz Montero que recrea a adquisición da linguaxe nos nenos de pouca idade. Cada chanzo é unha pequena conquista da súa mente. O carteiro, o zapateiro, o xardineiro e o panadeiro soben a escaleira e van deixando os nomes dos seus oficios e algúns obxectos ante a porta. Deste xeito, aprenden aos poucos novas palabras e conceptos. Con este conto, Beatriz Montero pretende espertar as capacidades intelectuais dos máis pequenos.Por iso, ten unha estrutura sinxela e repetitiva que facilita a memorización e o xogo de interacción. Cada oficio é un chanzo necesario na vida cotiá, e todos son igual de importantes. O panadeiro fai o pan para comer, o zapateiro arranxa os zapatos para camiñar, o xardineiro coida as plantas e as árbores, o carteiro reparte as cartas e conéctanos cos que viven lonxe. E como todos son igualmente importantes, todos fan o mesmo no conto: soben, chaman á porta, deixan un obxecto, e baixan a escaleira O relato é perfectamente comprensible a través das ilustracións. Basta con seguir as peripecias duns personaxes divertidos e con estilo propio aos que dá vida Raúl Nieto Guridi con “poucos aderezos” exogando simplemente co “lapis” e certas “texturas”. O ilustrador andaluz expuxo a narración visual como “un xogo” cunha posta en escena “divertida”.

¡RIC-RIC-RIC!...
Aquel ruído non paraba, e a señora Ramona colleu medo..
–Ramón...! Esperta, home!
O señor Ramón, por fin, abriu os ollos.
–Que foi?
–Anda alguén na cociña, Ramón!
O señor Ramón e a señora Ramona conta a historia de dous anciáns que viven xuntos e, ao escoitar un ruído, os dous levántanse da cama e camiñan cara á cociña. O son aumenta á vez que os seus medos, o que provoca que a súa imaxinación se dispare: Será un gato xigante? un crocodilo? unha serpe? ou quizais... un elefante?


Unha orixinal trama que fai que lle perdamos o medo ás cousas e que este non nos paralice. A autora é a mesma que a do conto anterior. Nesta  trama os protagonistas serven para xustificar o comportamento ante o medo, cuxa idade fai prever unha reacción menos insegura e máis serena. Por iso é polo que resulta tan entrañable esta historia de dous avós medentos e das súas disparatadas –por improbables– hipóteses. Quen non se remexeu algunha vez? Quen non escoitou o "Quen anda aí?". As ilustracións son de Leire Salaberria e esta divertida historia non sería posible sen o “agarimo e coidado” que puxo no seu debut en OQO para dar vida a estes “dous avós moi simpáticos e curiosos”.

Pois veredes,
isto era unha moza
que, á falta de traballo,
botouse a andar en busca de fortuna.
No medio dunha leira
atopouse con Brazodegorila.
A moza díxolle:
—Queres vir comigo?
—Son libre —respondeu el—.
Nin obedezo xefes nin sirvo señores.
—Repartirémolo todo a partes iguais —dixo ela
A partes iguais escrita por Darabuc e ilustrada por Lina Žutautė é a historia dunha proposta xusta e equitativa, chea de valores, como adoitan ser os álbums de Oqo, ricos en valores, onde  a moza recruta ao longo do seu periplo outros tres personaxes máis: Orellademorcego, Fociñodetouro e Ollodeaguia. Cada un deles cunha habilidade física especial e única. Nun principio, utilizarán as súas destrezas no beneficio do grupo e, finalmente, ao servizo de todos os habitantes dunha vila sometida á tiranía dun rei cruel, inxusto e mentireiro. Gonzalo García, Darabuc, decidiu recuperar e facer unha versión deste conto popular, un dos seus favoritos de neno, ao consideralo adecuado e “valioso” ante o momento socioeconómico actual: “permite reflexionar sobre as relacións de desigualdade entre os individuos na sociedade e desta cos seus
gobernantes”. Unha historia moi ben ilustrada e chea de cor, marcada co carácter aventureiro do conto que tan ben plasman as ilustracións coloristas de Lina Žutautė, realizadas con óleo sobre cartón, aínda que retocadas dixitalmente ao final.




—Ola!
Chámome Octavio.
Gustaríame traballar no circo do fondo do mar,
pero os meus tentáculos son un estorbo:
non sei que facer con eles!
Estou farto de ser un polbo!
Así de choromicas se nos presenta Octavio, quen lamenta a súa condición de polbo e desexaría ser un golfiño para saltar e facer chimpacarneiros ou unha balea para botar c auga coa potencia dun gran salto. Este pequeno cefalópodo cobiza o que posúen os demais habitantes do fondo mariño e el non ten: a posibilidade de cambiar de cor coma certos peixes ou o afiado nariz dun peixe espada. Pola contra, detesta o que o fai diferente, único e especial: ter oito brazos. É importante que desde os primeiros anos da infancia, os nenos e as nenas coñezan os roles das persoas que conforman a súa contorna, tanto escolar como familiar (quen é cada un, a que se dedica...).
Isto permitiralles descubrir os coñecementos ou habilidades que son necesarias para cada unha das funcións que realizan. Á vez, tomarán consciencia de que non todas as persoas posúen as mesmas cualidades. Con todo, o que nos supón unha limitación para algunhas tarefas, fainos únicos para outras. Ser único e potenciar a imaxinación é o obxectivo de Francesca Chessa e o seu maxín.

 Na próxima entrega de Brabádegos, nestes días, incluíremos a outra parte do especial dedicado a Oqo, con obriñas que chegan ao souto, composto por obras que se acaban de editar como O crebacabezas, Ovos duros ou a Colección Os cinco sentidos, acabada de saír do forno e moi recomendable para prelectores.

10.09.2012

O mundo máxico co que conectar

Chega o circo galego e autóctono a Brabádegos, e no souto poderedes ver moitos pinchacarneiros e reviravoltas imposibles. A serpe Josefina, o señor Bigotini, o gran Palindranat, o señor Tato e o señor Venancio! A función vai comenzar e se non estiveches na presentación do 22 de setembro en Redondela, non te preocupes, xa que logo a poderás ver nalgunha que outra cidade se hai sorte.. A obra de teatro de monicreques “Titiricircus” cumpre 25 anos de representacións, durante os cales Tanxarina Títeres realizou máis dun milleiro de actuacións dentro e fóra de Galicia. O deseñador e escenógrafo Pablo Giráldez ‘O Pastor’ ilustra as páxinas de Titiricircus, un álbum para nenos e nenas a partir de 5 anos que conta a historia de dous traballadores dun vello circo desaparecido, lembrando os éxitos da súa carreira artística cos seus monicreques. O equilibrista do monociclo, o home máis forte da Península Ibérica, o encantador da serpe Josefina ou o malabarista bailarín son algúns deses entrañables personaxes que fixeron vibrar de emoción a varias xeracións de cativos. A proposta plástica desta obra ofrece unha visión de conxunto do teatro entre bambolinas: dende o proceso de elaboración e pintado dos monicreques, as numerosas viaxes da compañía dunha vila a outra, a posta en escena e as interioridades dos espectáculos. Trátase dunha homenaxe ao circo de gran formato e ao labor dun grupo de actores que, no caso de Tanxarina, aúna vocación, experiencia e prestixio.
Andrés Giráldez, Eduardo Alberto Rodríguez ‘Tatán’ e Miguel Borines foron alumnos de Harry Tozer, profesor do Institut del Teatre de Barcelona; fundaron Tanxarina en 1983 e especializáronse en espectáculos para público infantil, xuvenil e familiar, combinando varias técnicas de animación de bonecos coa faceta actoral e a relación escénica entre títeres e actores. Deste xeito dotaron de maior forza expresiva e comicidade as súas actuacións con monicreques de fíos, títeres de luva ou de varillas, sombras chinesas ou bunrakus, como se coñece o teatro de monicreques xaponés. Actúan nos principais festivais nacionais e
internacionais. Tamén colaboran nas montaxes doutras compañías de teatro de actor, así como en producións audiovisuais de cine, televisión, publicidade ou doblaxe. Ademais, imparten cursos de construción e manipulación de títeres, monicreques, máscaras e cabezudos. No ano 2000 comezaron a dirixir o Festival Internacional de Títeres de Redondela, no que actualmente desenvolven a parte artística. A compañía recibiu o Premio Xeración Nós, o Premio Xiria e o Premio María Casares, entre outros galardóns.
A traxectoria de Pablo ‘O Pastor’ transcorre principalmente en Galicia, onde deseña cartaces para festivais e portadas de discos e libros. É un destacado escenógrafo, non só con Tanxarina, senón que tamén ten traballado con grupos como Berrobambán, Teatro do Morcego, Teatro de Ningures ou do Centro Dramático Galego.

Ideal para achegar o mundo do circo aos nenos e para a encamiñalos cara ao teatro, xénero imprescindible que os sorprende e os marabilla. No o esquezades, o teatro aloumiña a imaxinación dos máis novos e se tedes a ocasión de visitar o Titiricircus non a desaproveitedes, o volume podédelo atopar en Kalandraka e logra transmitir esa maxia!

Podes ver tamén o trailer e ver as actuacións de Tanxarina.