
A resposta á pregunta pódela atopar na editorial galega Oqo. Se eu fose un gato responde á pregunta que propón Paloma Sánchez Ibarzábal, a autora, e abre un abano de divertidas posibilidades que dan orixe a este orixinal e coidado álbum.
O primeiro que nos chama a atención son as magníficas ilustracións de Anna Llenas. A técnica empregada por esta ilustradora foi a da colaxe con papeis e cartóns pintados previamente en acrílico. Deste xeito, incorpora volume ao debuxo plano co obxecto de que se perciba o rústico do material.
Para este traballo, aproveitou recortes de caixas de transporte, de cereais, envoltorios... para compor a ilustración tipo diorama ou escenario teatral. O resultado é unha colaxe moi volumétrica na que se percibe o grosor, os detalles e a textura do material empregado como base. Unha sorte de azuis, verdes, vermellos e fucsias que traspasan o papel dándolle vida a un gato moi resultón.
O valor engadido desta proposta tamén reside nos protagonistas: unha nena e un gato. Os animais domésticos son fonte de atención das nosas crianzas e rapidamente cativan toda a súa simpatía, por iso non é de estrañar que sexan os contos con animaliños os máis demandados polos pequechos.
Se eu fose un gato é unha proposta divertida, a modo de xogo, que permite tomar conciencia da realidade (vivencias, emocións, necesidades...) do outro co obxectivo último de entendelo mellor. “Ponte no meu lugar”, adoitamos apelar para facilitar a comprensión das nosas decisións ou comportamentos. Non hai dúbida de que o mellor xeito de coñecer o outro é a través do que comunmente –e de modo figurado– chamamos “pórse no seu pelexo”. A miúdo reprobamos cun “eu non o faría”, crendo erroneamente que o que está (ou non) ben para nós, o está indiscutiblemente para os demais.
Que os nenos saiban cal é o comportamento das mascotas e os seus gustos é unha lección vital para que os respecten. Este relatiño de Paloma Sánchez Ibazabal redunda ademais na idea da fidelidade e da amizade e transmite valores coma todas as obras desta editora galega. Pódelo atopar na colección O e a un prezo máis que apetitoso de 13,50. Agasalla cultura, agasalla ben!
Gosto das ilustracións. Que fermoso traballo. Grazas por facermo chegar a traves do teu caderno. Apertas
ResponderEliminar