Hoxe no souto falamos dunha reedición, desas obras que a pesar do tempo non perden en absoluto a súa esencia e que, acertadamente, Xerais edita na colección Sopa de Libros. Trátase de Bala Perdida, unha obra de Manuel Rivas ilustrada por Miguelanxo Prado. Esta noveliña foi inicialmente publicada por Alfaguara e a moitas gardamos dela un fermoso recordo que permanece inalterado a pesar do tempo. Unha lectura superrrecomendada e fresca.
Bala Perdida é unha historia de piratas, pero tamén de aventuras e de superación de obstáculos, de curiosidade, de coñecemento e de valores. Bala Perdida é un pirata dos de antes, segue a sucar o Atlántico oculto tras unha néboa mesta a bordo do seu barco. Non é un pirata calquera, temible e adorable, un pirata que precisa axuda. Lector do Celtic News, un xornal familiar e bastante singular, anda á procura de Ganso Salvaxe. Ela, Rosa Ribeiro, é a dona dese pseudónimo, unha rapariga inquieta e valente que axudará os piratas nunha aventura perigosa, cun tesouro roubado, cun sinistro Herr Doktor e unha áxil prosa que engaiola desde o minuto un. As causas xustas, o ben e o mal, o Holocausto, o exterminio de miles de xudeos, o ouro expoliado desas persoas confinadas nos campos de concentración, van parar a unha furna por causas do destino e a xustiza correspóndelles a eles. Trátase de compensar o mal, de non esquecer as atrocidades da humanidade. A esperanza, a amizade, a familia, o compañeirismo sorprenderán o lector, Unha aventura na que embarcar capiteaneada por unha fantástica, intelixente e afouta muller, chea da forza que dá a xuventude.
Miguelanxo Prado sincronízase perfectamente coa riqueza expresiva de Manuel Rivas, dese grande narrador que nos engancha, constrúe un Bala Perdida sinistro, co seu corvo lareto sobre o ombreiro, a lapis, como nas mellores historias universais.
Recomendado, ademais de para todo o mundo, para aquelas lectoras autónomas dos últimos cursos de Primaria e para os primeiros ciclos ESO.
Sem comentários:
Enviar um comentário