Hoxe falamos de Quebracabezas, de Diego Bianki, traducido por Manuela Rodríguez, un álbum editado por Kalandraka e que posúe gran versatilidade, pois está concibido de maneira transversal. Quebracabezas preséntasenos versátil, como unha proposta ambivalente e partindo do principio das tres erres: Recuperar, reciclar e reutilizar. Este principio espállase por todo o volume acompañado do ter en conta os sentimentos, a solidariedade, incidindo no respecto ao diferente, convidando a achegármonos para abrir a mente xuntas e xogar, xogar a crear o noso propio quebracabezas como actividade na casa ou na escola, seguindo os mesmos pasos que o autor. Un volume que espreme a nosa imaxinación creativa turrando por nós até sentar para configurar un mundo de noso e novo.
As caixas que o compoñen configuran formas diferentes, con cores vivas, de cartón, pintadas e encaixadas. Diego Bianki crea un mundo de diferentes
identidades que, á súa vez se interrelacionan. Trátase dun manual contra a discriminación e a exclusión que invita os lectores a experimentar, a seguir sumando novas
combinacións para que cada un constrúa o seu propio catálogo
de identidades infinitas.
Mestre de debuxo e deseñador, Bianki traballa como ilustrador e director de
arte do selo Pequeño Editor, é ademais autor de libros ilustrados para público infantil e xuvenil. Colabora con periódicos e revistas de varios
países, ademais de participar en foros, festivais e xornadas sobre edición, ilustración e literatura infantil.
Este volume en concreto recibiu unha mención na Feira de Boloña do 2015.
Un volume que cremos imprescindible para a escola e para a casa, que encaixa moi ben en Infantil e nos primeiros ciclos de Primaria para traballar a convivencia e reducir a agresividade, potencia a creatividade e serve para respectar e educar na conservación do medio, no ecoloxismo e no control das emocións.
Recomendación do souto.
Sem comentários:
Enviar um comentário