4.18.2016

Máis alá do souto de Sombreu


Chegou ao souto Quen dá a quenda? de Héctor Cajaraville con ilustracións de Ignacio Hernández dentro da colección Merlín de Xerais. Unha proposta lectora de Héctor Cajaraville que quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2015. Héctor Cajaraville foi o gañador do premio Xerais de novela dese mesmo ano con De Remate. Trátase dun autor que procede do mundo do xornalismo e do mundo editorial e que se está a consolidar como escritor de referencia e calidade ao facerse recentemente tamén co premio Ánxel Fole de relato curto.
Quen dá a quenda? é unha noveliña que ten como protagonista unha meiga, Divina, que vive nunha fraga.  Alí ten un consultorio ao que van parar animais e persoas, cúmulos e obxectos que buscan un remedio para o seu mal. Todas estas personaxes, todos os doentes, caracterízanse por ter un mal que sorprende. Trátase dun discurso que sempre parte do tanxible, do real, mesturándose á perfección co imaxinario, cun despropósito marabilloso. Vinte relatos que comezan coa descrición do consultorio dunha bruxa singular e un final que tamén ten que ver con ela, dende un xeneral que fala en verso e contaxia, pasando por unha laranxeira de cores invertidas (verde as laranxas e follas laranxas), unha pantasma que non mete medo, un ordenador desesperado, un neno que soñaba que soñaba, dous tomos de dicionario que perden palabras e até un sapo que quere cantar e da súa boca, grazas ao remedio da meiga, sae unha harmónica mestura dunha harmónica melodía. O despropósito, a ese despropósito inicial, súmase un final esperpéntico cando un inspector subcontratado do Ministerio de Facenda clausura o seu consultorio e, o final final, que non desvelaremos para manter a intriga.
Na novela, á par que un léxico para traballar a sinonimia, a estrutura da frase, os contidos ou as características formais do relato curto enfiado, sobresae a imaxinación, o surrealismo máxico e valores como o traballo en equipo, a recompensa por unha boa obra, a autoestima persoal, o inconformismo... As ilustracións de Ignacio Hernández axúdannos para seguir soñando, para que sentemos na consulta unha vez máis, canda unha cortina faladora, agardando a nosa quenda, sen temer, que volva aparecer o afán recadatorio do capitalismo atroz que espreme os pobres, os que non temos offshore.
Ideal para traballar no segundo ciclo de Primaria co léxico, artellando e promovendo na rapazada a construción das súas propias historias, para traballar e mirar os dicionarios de xeito diferente, usándoos naquelas palabras que non sabemos e achegan fluidez e riqueza expresiva.

Sem comentários:

Enviar um comentário