11.03.2015

O triángulo máxico. Ari e o Minotauro




Hoxe falamos de Ari e o Minotauro, unha novela de Ramón Caride Ogando en Tambre dentro da colección Catavento. Trátase dunha novela que ten como protagonistas a Ari, Isabel e Pedro.  A vida de Ari semella a de calquera rapaza da súa idade, atafegada entre o colexio, as amigas e a súa nai, uqe non entende que está comezando a facerse maior. Na praza que atravesa catro veces por día coñece un home que está alí acampado, un ancián sorprendente que sabe da vida, e tamén da propia Ari e da súa familia moito máis do que aparenta. Descubrir o seu segredo será apaixonante e doloroso, como acontece sempre coa existencia, un labirirnt aínda máis enguedellado ca o do Minotauro.
É un libro que turra de nós para que sexamos autónomos e arrisquemos nas nosas decisións, por que apostemos pola liberdade individual. Ten como protagonistas ás mulleres, que tornan reflexivas segundo as súas vivencias. Pedro é o apoio de Ari, que está a pasar por un momento de cambio interior, ao igual que moitos adolescentes. Isabel, a nai de Ari, ten as preocupacións lóxicas de calquera pai ou nai, inquedanzas de non saber se se fan ben as cousas coas fillas, se é o camiño correcto. A falta de tempo, unha sociedade que se move ás présas e a falta de conciliación, provocan inseguridades, sobre todo se ela experimentou na súa propia vida un momento de indefinición. Ari, pola contra, é unha rapaza firme, coas cousas claras, que goza dos momentos con Pedro porque é el o que responde ao milleiro de preguntas que a asaltan. O Mito e o conto de Mariña son dous exemplos claros de didáctica da autonomía e da valentía.
Un libro interesante porque achega contidos da cultura clásica, que provoca reflexión e guía botando man da trasversabilidade e de subxéneros como o mito.


Recomendámolo para rapaces a partir de doce anos.

1 comentário:

  1. Os mitos son tan vellos coma a humanidade, pero tan novos como calquera meniña ou meniño que se abra aos misterios da vida, que só podemos enxergar coa perspectiva narrativa que dan os bos contos... Moitas grazas pola vosa xenerosa lectura. É un libro que fixen co corazón, e que rematei con mágoa!

    ResponderEliminar