11.22.2015

Con cada folerpa dos Ancares

Esta semana Galix, a asociación senlleira de divulgación do Libro Infantil e Xuvenil, recoñecía o labor de Helena Villar Janeiro como escritora e activista da lingua entre as pequenas, cunha dilatada obra que atesoura prosa e poesía. Dos últimos traballos que no souto lle lemos queremos destacala como autora de As señoras cousas, en Galaxia, por ser esta unha obra que ensina a métrica e a rima con naturalidade, iso que só os bos poetas son capaces de facer. Hoxe, no souto recensionamos unha obra que xa limos e que ata o de agora non tivemos tempo de recoller. 


O caderno de Edua é unha obra que se encontra entre as novidades de Sushi Books, editora que se está a converter nunha referencia por tirar do prelo títulos singulares e orixinais. Con ilustracións de Carmen Queralt, o libro conta a historia dunha nena dos Ancares, unha pequena que ben podería ser a autora, xa que é natural da zona e á que no souto imaxinamos grazas a Edua, entre folerpas tirándose acotío desde o alto das congostras. O caso é que Edua está de aniversario e despois de pegar cuadas desas das que non doen, despois de bulir dun lado para o outro, xa que é unha cativa inquieta, agarda ansiosa os agasallos do seu día. O problema ou máis ben o inconveniente dos invernos neste paraíso natural que son os Ancares, patrimonio que debemos coidar, é que quedaron illados pola neve e o seu avó, que é deses seres máxicos que temos algúns nos nosos corazóns, idea a solución perfecta. Trátase dun libro precioso que transporta a todas aquelas que algún día tivemos a sorte de ir aló, é a contundencia das súas montañas, rexas e cubertas da neve que Helena nos describe nun discurso case de prosa poética que emprega o poder da imaxe na súa linguaxe. Do argumento non diremos máis por deixar á sorpresa da curiosidade do lector as peripecias de Eduarda Coedo Alba, á que chaman Edua porque lle gusta máis, unha pequena que vive na aldea do Cebreiro, ao carón de Pedrafita. Só diremos que aos do souto un día os agasallaron cun igual e tamén cambiou as súas vidas.
As ilustracións, de Carmen Queralt, son un xogo de profundidades marabilloso, co seu selo particular de liñas cadradas, acompañando á imaxinación e imbuíndonos con cada árbore dos Ancares. Recordamos a Carmen Queralt doutros traballos como Quen é ese becho?, editado por Kalandraka.


Sem comentários:

Enviar um comentário