OQO tira do prelo O avó de Zulaimar de Juan Carlos Méndez Guédez ilustrado por Elsa Klever dentro da Colección O. O avó de Zulaimar é en esencia un álbum ilustrado que reivindica a figura do avó dunha maneira marabillosa e chea de amor, esperta no lector adulto un sorriso e provoca que todos nos botemos á rúa para xogar con eles.
Zulaimar é un raposo que non ten avó, que ve como todos os seus amigos xogan con eles e, no seu afán por encher a figura que lle falta, pide un prestado, pero el non se rende cando a súa solicitude é ignorada, el loita e constrúe un avó botando man da imaxinación e do enxeño. Trátase dun delicioso e doce álbum, doce e saboroso como a sandía que serve para construír o avó, que se che mete na alma e que cambia a visión que todos temos dos nosos avós, eses que nunca din que non, eses dos que sae amor e paciencia sen dicir nada, só con miralos aos ollos comprendemos que o dan todo, que se poñen de crequenas esquecendo a dor, para xogar, para chimpar e para cansar os pequenos bulideiros cando os levan ao parque, de praia, aos cochitos gastar os cartos os días de festa, as fins de semana para debullar millo...
As ilustracións de Elsa Klever completan e achegan a dozura precisa, co espectacular deseño dos paxaros en posturas imposibles, creando avós-animal fantásticos, cunha profundidade rica en detalles que contribúe ao sorriso, á empatía que esperta o texto.
Recomendamos este álbum ilustrado como homenaxe aos avós, para dárllelo aos avós que lles len aos seus netos e, devolverlles en forma de aloumiño, o que fan por nós.
Sem comentários:
Enviar um comentário