3.05.2015

Unha flol, a Rosiña

Quen non se sentiu algunha vez unha peza de puzle desencaixada? Quen non tivo a sensación de ser a única doutro planeta, quen non sufriu rexeitamento por ser diferente?

Hoxe presentamos A flol da celdeira, un conto chinés, de Xosé Quintas Canella e ilustrado pr Ánxeles Ferrer en Everest Galicia. Trátase dun libriño para rapaces a partir dos dez anos dentro da colección Ler é vivir que ten esta editorial e que se caracteriza por incluír nas súas historias e tramas valores, respecto polo medio social e cultural e respecto tamén a outras culturas. Xosé Quintas Canella artella un interesante e orixinal relato sobre unha rapariga estigmatizada desde nena por ser diferente. Rosiña, a flol da Celdeira, unha cativa que non sabe pronunciar o ele na China imperial, rebuldeira e alegre, que vai sufrir rexeitamento e marxinación por ser diferente, pero que amosa coraxe e resistencia, afouteza no pensamento, determinación. Polo camiño dese soñar, desa diversificación que se produce nun país tan afastado, conflúen personaxes como o xeneral Inshub Misho ou Lham Bhe, historias que maxicamente nos transladan e conforman pontes entre dúas culturas, a galega e a chinesa e que nos levan a reflexionar sobre identidade, idioma e beleza.

Un libro tenro, que se conxuga coas ilustracións da experimentada Ánxeles Ferrer que nos leva da man nese mundo chinés. Un libro simpático e retranqueiro, que agocha a musicalidade innata do senlleiro Pepe Quintas, galego de pro, militante da lingua, que nos introduce na China cun Limiar non menos acaído de Mero (Baldomero Iglesias Dobarrio).

Sem comentários:

Enviar um comentário