No souto notamos a chegada tímida da primavera, o agromar das árbores, as primeiras flores, a beleza e a fermosura. Sentimos o aumento da calor, desexámola con forza e, acompañados pola claridade dos días e a luz que nos cegan, presentamos o último Premio Lazarillo da escritora e xornalista María Solar publicado pola Editorial Galaxia, O meu pesadelo favorito.
Trátase da obra gañadora, pero esta escritora xa atesoura máis premios como o Martín Sarmiento e estase xa a consolidar como narradora de infantil e de xuvenil por contar cunha imaxinación desbordante e, na obra que presentamos hoxe, establece un marabilloso xogo na mesma liña que separa realidade de ficción. O libro acomáñase das ilustracións doutra María, neste caso María Lires, en tonalidades verdes facendo unha chiscadela ao can verde (Haski e Tobi) do capítulo A biliverdina, pegada supoñemos que debida á formación en Bioloxía da escritora. María Lires conta con moitos libros publicados e grazas ás súas ilustracións serven de fío condutor cara a ese mundo imaxinario. O meu pesadelo favorito é un volume que destaca sobre todo pola súa orixinalidade, dirixido a nenos a partir dos dez anos, e que conta a historia dun neno normal, Manuel, que un día se pon mal da tripa e que, durante a súa enfermidade e debido á medicación, se mergulla en soños, uns soños surrealistas, esperpénticos ás veces e con multitude de protagonistas e de historias.
Neste libro, recomendado polo souto, poderás encontrar zombis, atopar repartidoras de bicos, beizos doces na meixela, falar con espantallos ou topar con vendedores de olor entre outras cousas... Consideramos que non só está ben escrito senón que posúe unha das características fundamentais dun libro para estas idades, xa que conxuga á perfección a transmisión de coñecementos cunha proposta divertida, amena e apetente, animando claramente a volver ler.
Sem comentários:
Enviar um comentário