9.22.2017

Sentar os ceos a media altura.

No souto temos ás veces, bastante a miúdo, dias nos que as pernas e  as mans non nos deixan saborear os tons incipientes do outono. Hoxe imos falar deses días, de Días Lebre de Clara López ilustrado en tapas duras por Marcos Viso.

Días lebre é o contrario de días tartaruga, de ir amodiño, son 15 poemas que fan referencia a aspectos relacionados co día a día, desde a perspectiva infantil e o seu universo. Ese estrés que ás veces se transforma nun ir e vir ateigado de intensidade, do correr das horas e da necesidade de parar para enredar
Cargados coa sutilidade dun humor cativo, cheos de sensibilidade, a fantasía e a proximidade que nos trasmiten os textos de Clara López mestúranse coas impresionantes ilustracións de Marcos Viso. O volume artella un universo simbólico cargado de sensacións, de sentimento, de lingua xogando coa , a disposición textual e unha voz poética chea de claridade e próxima á infancia para unha maior identificación. As ilustracións oníricas de Marcos Viso seguen o compás dos versos a través de formas diluídas, trazos difuminados e cores pastel sobre suaves texturas que evocan o espazo de abstracción onde se produce a poética dicotomía: días lebre vs. días tartaruga.

A rica e expresiva temática voa a través das sumas e as restas, os días da semana, os insectos, os animais, os medos, o mar... Trátase dun volume fresco e sensual, atinado para reivindicar o uso da poesía na aula e o aspecto lúdico das palabras.

Recomendámolo por diferente e orixinal.










Sem comentários:

Enviar um comentário