5.19.2015

Rebel Schoolgirl


No souto sabemos de linguas, cremos que a nosa lingua é un tesouro que se debe coidar todos os días, máis tamén sabemos que os nenos son esponxas e é necesario fornecelos de recursos na nosa lingua e noutras. Xerais lanza un libro-cd singular, trátase dun musical galego-inglés Sira e o robot, Adventures on Titan, de Mark Wiersma e Miguel Mosqueira coas ilustracións de Iván Sende. Cóntase a historia de Sira e o seu robot na Galicia no ano 2050. O inglés caba de ser nomeado lingua oficial xunto co galego e moita xente, incluídas as persoas novas, xa o falan de maneira fluída, aínda que a Sira, unha rapaza de dez anos que se aburre moito nas clases e na casa, non se lle dá demasiado ben. Sira vive cos seus pais e está pasando unha mala etapa nos estudos. O seu mellor amigo é un robot que responde ao nome de William. William é medoñento e sensible, pero de bo corazón electrónico. Xuntos pasan horas e horas realizando a súa actividade favorita: tocar música. 
En Titán, unha das lúas de Saturno, hai un Festival Intergaláctico da Canción e unha atmosfera máis sá, os que alí emigraron buscaban algo diferente, fóra do estrés, da contaminación, para vivir nunha contorna natural cunha vida saudable. 


Sira e o robot esforzaranse para conseguir o reto de participar no festival. Ao longo do libro-cd e de xeito transversal ligaranse contidos musicais co respecto pola diversidade, co coidado do medio, respecto polas linguas... As linguas e a riqueza que estas supoñen están presentes nun libro multilingüe que intercala temas co texto a ritmos como o pop, o folk e o rock, o reggeaton, o rap ou a chanson con colaboracións como a de Leo i Arremecághona coa canción A canción da vagha ou a de Intro, de Lois Carlín. En 2050 hai un choque de dous mundos, un contaminado e o outro limpo, con dúas formas distintas de entender a forma de vivir e que pretende provocar unha reflexión entre os rapaces.  
Trátase dunha obra distinta, fresca, orixinal pola súa disposición e cunhas ilustracións que axudan á hora de poñerlle cara a un mundo de aventura e de futuro. Colles o reto de ler en inglés? 
(Lembrade que podedes atopar a guía de lectura aquí).








Sem comentários:

Enviar um comentário