3.27.2015

Antes da catástrofe...

Hoxe no souto presentamos o último libro publicado por Kalandraka de Adela Turín e a ilustradora Nella Bosnia. Adela Turin comezou a publicar en Italia, xa na década dos setenta do século pasado, a colección «Dalla parte delle bambine», unha colección dedicada ás nenas e que tiña como pretensión inverter comportamentos machistas presentes na nosa sociedade. Esta colección foi editada pouco despois por Esther Tusquets en España co título «A favor de las niñas». Traducida a varias linguas, converteuse nun referente para a coeducación e a igualdade. 


No souto xa falamos no seu día de títulos como Artur e Clementina, Rosa Caramelo ou a Historia dos Bonobos con lentes, hoxe presentamos Unha feliz catástrofe, editada tamén por Kalandraka na súa colección Tras os Montes. Trátase da historia dunha familia de ratos que vive nun humilde tobo, a mamá, o papá e oito ratiños, dous machos e seis femias, todos mantidiños e aseados. Unha feliz catástrofe fala de como entre esta familia de ratos os roles están moi definidos, xa que papá rato traballa fóra da casa e mamá rato coida e asea a casa, cociña, cose e organiza, todo moi monótono e rutineiro. Papá rato narra as súas proezas, saborea e critica as comidas elaboradas por mamá e procura silencio e orde cando regresa ao fogar. Unha feliz catástrofe conta que, un día cando o pai de familia está fóra, a traballar, un cano rompe e todo o universo arredor dos ratos muda ante a necesidade de supervivencia, todo cambiará e será distinto despois de que mamá rato colla o temón da familia. Felices, os ratiños, adoptarán unha nova perspectiva, serán máis autónomos e, aínda que a porta final do conto nos di que na nova familia que chega ao tobo tamén hai moitas cousas que cambiar, abre adiviñamos no futuro un posible final distinto e igualitario.
A mensaxe de Adela Turin é de cambio, de cambio necesario nunha sociedade patriarcal que condena as mulleres a ser simples obxectos. Profunda na necesidade de que sexan elas as que non se conformen cos papeis que lles reserva a sociedade e combate os micromachismos diarios. Maxistralmente explicado sen facer reivindicación excesiva e cansina, compleméntase á perfección coas ilustracións de Nella Bosnia, que artella formas clásicas, case adorables en tonos case pastel, que se contrapoñen coa mensaxe salientándoa para que agrome con forza.
No souto non só recomendamos Unha feliz catástrofe, senón que recomendamos a colección enteira para ter unha visión distinta da sociedade, para que as nosas nenas se cuestionen o papel que a sociedade patriarcal lles dá e sexan quen de cambiala. Desta colección necesaria, de cada volume, extráese como facer fronte a comportamentos machistas e como loitar contra eles. Imprescindible!


  

Sem comentários:

Enviar um comentário