5.14.2014

Lavou os pezuños, fregou o fociño!





























Chegou definitivamente a primavera para quedar. Xa non temos cara de peixe e podemos chimpar alegremente polo parque. Respirar aire puro, montar en todos os bambáns e xogar a manter equilibrios imposibles. É a hora de moverse, de ir ao monte patear cos cans, de enfouzarnos na area e abrollar como o fai a natureza, nunha festa que ilumine e broncee os nosos miúdos corpos. E como podemos combinar isto coa lectura? Pois dunha maneira moi simple! En Brabádegos gostamos da diversidade, de que haxa mil e unha editoriais, de que todo o mundo teña o seu oco e da innovación. Urco Editora, é unha iniciativa editorial que está a encher un oco histórico no sistema literario galego: a publicación de literatura de fantasía, ciencia ficción e terror. Até agora a escasa presenza destes xéneros na literatura traducida estaba fragmentada en distintas editoriais e coleccións, catalogada especialmente baixo os criterios de «clásicos» ou de «literatura xuvenil». Por isto Urco é pioneira na achega sistemática destos tres xéneros ao público galego. Agora, achega a este obxectivo editorial unha nova colección de títulos infantís. Trátase de Urco infantil e entre as novidades que iremos publicando destacan unha serie de libriños baixo o epígrafe Os libros da merenda.
Uns exemplares de pequeno formato que podes gardar en calquera lado e dos que podes gozar en calquera momento. Se levas no peto unhas ceras ou mami ten a man un estoxo que pese pouco podes enredar en calquera lugar. Os libros da merenda son un conxunto de relatos moi curtiños en formato mini, para levar no peto, que posúen un espazo para colorear as ilustracións no epílogo. As ilustracións de Vladimir Zatonski son aconvencionais e moi divertidas.  Os textos están perfectamente adaptados, en clave poética e son de Martinho Terrafría. Conta a historia de Xoana, a ra lacazana; Don Bento, o porco fedorento; Fariñeiro, o burro larpeiro; Don Fiz, o repolo feliz; Besteira, a cebola falangueira; Ramona, a cenoria sabichona; Clemente, o polo valente; Rosa, a vaca agarimosa; Eladia, a ovella sabia e Sinforoso, o can temeroso son os títulos que poderás atopar por un prezo case de riso (2,50 euros cada volume editado). 


Non tes escusas para ler e de paso apoiar o noso tecido cultural, produtos feitos en Galiza que achegan renovación e creatividade. Que fan soñar, de animaliños que é do que máis gostan, en calquera lugar e que lle confiren vocabulario aos teus!



Sem comentários:

Enviar um comentário