Son unha galiña de bico dourado
E todos os luns bailo un agarrado
Unha man no alto, outra na cadeira
Coa miña parella móvome lixeira..
No souto estamos de sorte por que, entre as follas estradas e os miles de ourizos, atopamos música de nós. Pensamos que a música é a expresión da alma cando está contenta e gostamos de ver os nenos bailar. Edicións do Cumio propón un traballo exquisito e moi noso, que aposta pola calidade e pola tradición. Unha iniciativa titulada Xogos Musicais, realizada por Luís Prego con ilustracións de Marta Iglesias. Unha ferramenta de recompilación do patrimonio inmaterial que de sempre encheu o celeiro dos soños de moitos cativos galegos e que contribúe para que non forme parte do esquecemento. Este traballo pretende afondar un pouco máis nos xogos tradicionais, recitados e
cancións para os máis cativos da casa, converténdose deste xeito nunha obra entregada por completo aos xogos musicais iniciáticos. O
tratamento das cantigas e recitados que compoñen este libro foron
escollidos con moito cariño para que sexan un bo material didáctico para
os pais, non se centrando exclusivamente na faceta artística. As
músicas son doadas de asimilar, e facilmente reproducibles por pais e
nais que non sexan grandes intérpretes ou cantantes profesionais, e as
súas letras repetitivas e, maiormente, con temáticas infantís teñen como
único fin pór todo este material en práctica e a viva voz, sen
necesidade de darlle ao “play”.
O proxecto é moi útil para traballar cos pequenos desde o berce e destinado especialmente para que os educadores traballen a psicomotricidade e a educación musical, amais de conxugar a tradición xa desde o inicio. Os avós e os pais recoñecerán facilmente o recendo a unha infancia situada en moitas das letras por que Xogos Musicais contén un CD con 38 cancións que abranguen temas como os arrolos (Aí vén Pedro Chosco, Unha vella arrolaba un neno, Non chores, peixiño...), o esquema corporal (Este queixo queixolán, Esperta, meu ben...), Xogos con dedos da man (Os dedos mariñeiros, Dedos panadeiros, Gusto en saudarte, Dedín, dedín...) e Cantigas e recitados para quecer o corpo, aloumiñar e acariñar (Tres Pilistriñas, tan tarantán...). Lúis Prego Fernández é músico e bailador. Mestre de baile e música tradicional e estudoso e investigador do folclore tradicional galego. O volume contén ademais as fermosas e coidadas ilustracións de Marta Iglesias cun orixinal toque ás ceras que empregan os pequenos nos primeiros anos de vida.
Recomendámola no souto como unha obra imprescindible para viaxar pola nosa cultura, para sermos nós, para non esquecer o legado inmaterial que nos une cos devanceiros e que fai máis feliz aos nosos nenos:
Pedriño Chosco
estaba na cama
entráballe o sol
por unha ventá
e pola outra
entráballe o vento
Pedriño Chosco
estaba contento.
Sem comentários:
Enviar um comentário