6.19.2012

Feitizos que roubar

O souto está inzado de propostas cargadas de sensibilidade, de coleccións míticas e de valores. Valores que achegan editoras sensibles ao crecemento dos nosos pícaros. Na colección O de Oqo podedes atopar álbuns perfectos para agasallar, pequenas obriñas condensadas no voo dunha bolboreta que os axudan a medrar. As dúas obras das que falamos hoxe son A vaca condesa e O oso atrapabolboretas. Estes dous volumes posúen o mesmo denominador común, toda unha lección para os nosos pequenos, a da unión entre todos para resolver problemas. Unha lección que en tempos de crise é máis que necesaria. O individualismo feroz deste século non é o modelo no que criar a un fillo, debe ser o amor. Pois ben, A vaca condesa, escrita por Juan Alfonso Belmontes e ilustrado por Evelyn Daviddi non só estimula a fantasía, senón que cumpre unha función terapéutica porque axuda
a canalizar os sentimentos, serve para explicarlles os distintos estados de ánimo. Cando o neno le ou escoita que, por fin, a vaca sorriu, xa que necesitaba aloumiños coma todos de cando en vez, poderá de súpeto recoñecerse a si mesmo ou recoñecer esta urxencia de afecto no outro e, como nesta historia, resolvelo. Este é un relato sobre a importancia do afecto: o dun cara a si mesmo e o da nosa contorna. Ambos son imprescindibles.
O oso atrapabolboretas, escrito por Susanna Isern e ilustrado por Marjorie Pourchet, comparte o feito de ser tamén un libro que fala de aloumiños. Aloumiños que podemos dar sen agardar a que nolos devolvan. É un libro que explica maxestosamente o que é a nobreza. Oso Atrapabolboretas é, en esencia, un libro sobre a bondade: a inclinación natural do protagonista cara ao ben é indiscutible: protexe dun modo admirable as bolboretas por iniciativa propia e sen esperar nada a cambio, sálvaas cando caen na auga e acaríñaas con dozura para que sequen as súas ás. Todo o que dá élle devolto. Serán estes insectos tan fermosos os que o aloumiñen alzándoo coa mesma delicadeza coa que el puña nelas.

Dúas obras para cativos de tres a sete anos coas que engaiolar e demostrar amor por menos de trece euros!

Sem comentários:

Enviar um comentário