10.26.2018

A raíña galega do Instagram, voar liviá coma bolboreta



O 26 de outubro dedícase a reivindicar as persoas que sofren o dano cerebral adquirido (DEA). O dano cerebral adquirido é a discapacidade resultante dunha lesión no cerebro causada, na maioría dos casos, por un ictus ou un traumatismo cranioencefálico. Afecta a unhas 35.000 persoas en Galiza. Son moitas as consecuencias directas e indirectas que carrexa o dano cerebral adquirido, xa que pode  afectar a distintas áreas e causar discapacidade física, psíquica ou sensorial: son moitas as secuelas tamén ao mesmo tempo, e preséntanse en diferentes graos e intensidades segundo a persoa.
Hoxe imos falar dun volume moi acaído e que forma parte das novidades editoriais de Galaxia. Trátase de Iridium, de Francisco Castro, editado na colección Costa Oeste, que vai dirixido a un público xuvenil e conta a historia de Iris, unha rapaza moi guapa que triufa en Instagram e que ten que volver á vida despois dun tráxico accidente de tráfico no que sofre as consecuencias do DEA. Iridium é unha historia de amor e de superación, de titáns, desa experiencia digna de admiración que teñen todas as persoas que loitan por ser autónomas, é unha historia de rede, da rede familiar que forman os que teñen un fillo ou unha filla que se ve afectado por este mal, pero sobre todo, é unha lección de empatía, de como afrontar un cambio que afecta ao cotiá e ás relacións dunha adolescente que ben pode ser calquera de nós. 
A empatía que provoca o discurso da protagonista, a lección de vida que se extrae, cunha prosa áxil e directa, cargada de humor negro adolescente, ademais do fomento da lectura son os alicerces dunha obra que sacode e que, sen ton condescendente, engancha desde a primeira páxina. A adolescencia, esa etapa difícil na que todas son protagonistas, na que aparecen os primeiros amores, o malotismo, o egoísmo, a desobediencia, a rebelión e a reafirmación da personalidade propia conxúgase maxistralmente coa denuncia social, co culto á imaxe do ser perfecto, do que nos venden como normal, co culto á escravitude do corpo das medidas perfectas. A perspectiva moderna a través das novas tecnoloxías, dese Instagram ao que moitas adolescentes están enganchadas, serve de ferramenta perfecta para reivindicar a diferencia e para que, cando nos crucemos cun deses titáns ou heroínas ou con calquera desas familias que tecen diariamente a rede necesaria, botemos man do amor, da admiración que merecen. 

Recomendamos tamén do mesmo autor e para máis pequenos, outro volume igualmente importante do autor como é o xa clásico e espectacular Chamádeme Simbad, que trata tamén outra das enfermidades que relacionan coa mente, o Alzéimer.

No souto vémola imprescindible para traballar transversalmente nas aulas de Secundaria varios temas, entre eles, a empatía, a diversidade, e para que reflexionen sobre o importante das cousas miúdas que nos fan felices e que nas que ás veces non reparamos.



Con este xesto de Francisco Castro podedes sumárvos ao Día do Dano Cerebral co hastag #CoDanoCerebral nas redes e visibilizar para reivindicar máis asistencia, máis investigación e unha maior calidade de vida para os e as que se ven afectadas.

Sem comentários:

Enviar um comentário