11.18.2016

Ti vai, eu rumio

Sempre que no souto nomeamos a Paula Carballeira, as máis das veces a xente relaciónaa co seu labor de contacontos ou coma actriz teatral. Nós no souto temos claro que aínda hai xente que descoñece o seu papel coma escritora consagrada de Literatura infantil e xuvenil. Entre a súa extensa produción fíxose en dúas ocasións co Manuel María de Literatura dramática infantil e co Frei Martín Sarmiento polas obras Boas noites, O refugallo e A burra Ramona. E dentro da súa versatilidade e da súa faceta como activista cultural ligada ao feminismo e ao teatro de base, tamén destaca a súa non tan extensa pero si enriquecedora produción poética. 


Hoxe presentamos Nunca mascotas, terceiro poemario da autora (Contatras, Contatrás II-I), editado por Galaxia na colección Costa Oeste. Trátase dun poemario dirixido a un público xuvenil (lémbrese que a poesía xuvenil-infantil é para todos os públicos) e que se caracteríza por ter coma voz poética varios animais. Desde unha perspectiva non humana e con moita sensibilidade, tornamos animais, independentes e libres, poñémonos na súa pel, vivimos o seu diario, invítasenos a darlle unha volta diferente ás circunstancias, sitúanos nas cousas pequenas potenciando a empatía. É un xogo intertextual que se nos presenta desde o primeiro poema, repudiando o nome de mascotas, é unha chamada a non cousificar, a pensar máis alá do eu nun momento, a mocidade, especialmente egocéntrico. Nunca mascotas é un volume que contén 24 poemas protagonizados por distintos animais, así pois fálasenos dun coello-demo facendo un xogo entre a aparencia e a maldade, trátase a morte, a liberdade, o amor fatal o determinismo, a resistencia ou a perseverancia (as avelaíñas). Nel abrolla unha transversabilidade total, un sublime contraste, cunha gran riqueza expresiva. É un libro que provoca, que sacode, que che fai mirar para as escaleiras, coma gatas, estirando as orellas ata evitar pasar por alí; que te invita a evitar os cristais, a saber, a descubrir cousas por ti mesma.


Divismo


Moléstame a prepotencia dos vagalumes,
seductores,
seguros do seu triunfo,
solitarios,
para ter libre o seu espazo.
Noctámbulos.
Tan brillantes no seu 
como mediocre eu.
Fumigaríaos.
Non sería moita perda; 
vermes hai abondo,
tamén estrelas.  


Recomendación do souto. Aproveitamos para recomendar calquera obra da autora e para escoitala alá onde vaia. Aproveitamos para recomendar a súa figura para traballar xénero dentro dos institutos.

2 comentários: