grande e as casas, reflectidas na pel
da auga, son talmente gamelas brancas
que se bambean entre as outras
barcas de cores.
Dende alí pode ver como as ondas
lamben o peirao. Son linguas de
escuma que lle traen voces familiares
dos mares de lonxe:
Veleiro preciosooooo
Sereíñaaaaaaa...
Buguina....
Gaivota cantareiraaaaaa"
A prosa de Fina Casalderrey, un dos buques insignies das nosas letras, unha grande da LIX, é sempre un agasallo para nós, é sinónimo de fermosura, dese saber captar o abanear das follas cando caen, do saber describir con palabras o argazo sobre a area, un cardume de lingua e sensibilidade, fermosura. As ilustracións de Marina Seoane van na mesma liña, a delicadeza dun barco de papel sobre un cobertor de xardas azuis, unha boneca pousada gracilmente sobre o aparador, nenas a saltar no recreo á corda...
Estamos a falar de O segredo de Zoe, de Fina Casalderrey, educadora, escritora, académica, muller afouta nun mundo de homes, e de Marina Seoane, cun selo persoal moi definido, creativa e orixinal, chea de frescura. O segredo de Zoe está publicado na colección Ala Delta de Tambre, selo de Edelvives en Galiza, e está dirixido a cativas a partir dos cinco anos. Trátase dun libro que agocha un misterio, un desafío para as nosas nenas que terán que descubrir que é o que garda a protagonista desta historia nun dos petos do seu anorak. Ese segredo non compartido non lle deixa durmir e non llo pode contar a ninguén, nós non o imos contar pero si podemos dicir que engancha na lectura, que se converte nunha ansia de descubrilo e, para tal cometido, é imprescindible ler. O segredo de Zoe é un libro que funciona, que cumpre coa función que deben ter aquelas obras que se dirixen a este tipo de lectores que están a aprender, que necesitan de maxia, de certo misterio e do léxico desas cousas pequenas nas que reparar. Se hai algo que se perde neste mundo tolo cheo de présas e estrés é a capacidade de ensoñación, a capacidade para voar, a capacidade para detérmonos e lamber a brisa do mar.
Desde o punto de vista dos valores transversais é unha boa proposta didáctica, pois incide no amor que lle temos ás persoas que forman parte do noso círculo, na asimilación dos nosos sentimentos, na paciencia, no saborear das cousas que merecen a pena, no respecto ao traballo das persoas que fan as tarefas da casa. Mestura á perfección o decorrer dos días con esas cousas pequenas que nos fan felices e conforman a personalidade das cativas. É un libro que trata tamén as ausencias por motivos laborais dos proxenitores, que axuda a xestionar as ansias de reencontro. Maxistralmente escrito e descrito, libro que lles encanta ao interactuar con elas dun xeito lúdico.
As ilustracións de Marina Seoane coidan o detalle, ofrecen un referente claro e promoven o voar, o deixarse levar polas palabras doces que conforman o texto.
Trátase dunha moi boa opción para ler, para fomentar a lectura e para dignificar profesións duras do mar, alicerces do noso sector produtivo.
Sem comentários:
Enviar um comentário