4.17.2012

Un crime que investigar


De cabelo dourado e lacio, queixo prominente, delgada coma un espaguete e sempre acompañada polo seu gato Lolo, a intrépida Nola é ademais de nai de familia, unha magnífica inspectora. Rebuldeira, curiosa e enfundada na súa gabardina móvese en sidecar. Compativiliza perseguir crimes co seu papel de nai de xemelgos, aínda que sempre ande ás carreiras e pareza un besbello.
A inconformista é a protagonista dunha historia chea de misterio e intriga. Ata a aparición daquel cadáver a inspectora Nola sempre pensara que o sangue era vermello, mais na última semana, en Todures apareceron mortos seis inmigrantes procedentes de Ningures.
Por que todos eran ningurenses? Cantas persoas máis ían morrer? Por que o sangue daquel cadáver era verde? Que se agochaba tras aquilo? 
Á inspectora Nola amólalle non dar contestado os interrogantes. Por iso se fixo investigadora: para non deixar ningunha pregunta voando no aire.
En Mortos de Ningures, coa axuda do seu inseparable gato Lolo, Nola porá toda a súa vontade en resolver este enigmático caso. Pero isto non é garantía de éxito. Ás veces, malia os esforzos, malia o empeño, algúns casos non se dan resolto.
Mortos de Ningures está escrita a dúas mans por Pere Tobaruela e Ledicia Costas, dúas pedras angulares da nosa LIX (Literatura infantil e xuvenil), pois son mentes creativas que como as bolboretas, non paran de mover as súas ás. 
Publicada en Everest, da man do ilustrador Andrés Meixide podemos atopar nesta obra dirixida a nenos de 12 anos en diante o seu selo inconfundible. O ilustrador da mítica revista Golfiño achégalle á novela o toque de serie b que lle faltaba, complétaa á perfeción. A sospeita e o crime vense reflectidas na cara dos seus protagonistas. É sen dúbida unha noveliña moi ben acaída para os rapazolos desa idade e moi fácil de ler, sen excesivas descricións e minimizando as historias secundarias, pecados que ás veces cometen novelas deste tipo cando van dirixidas a un público que debe coller soltura e gozar da lectura para poder emprender libros máis complexos co paso do tempo.

No souto recomendamos esta obra de forma especial e declaramos que tamén nos importa o que lles suceda ás persoas de Ningurés!!!


Sem comentários:

Publicar um comentário