11.30.2018

Por que xira unha buxaina? Ciencia en galego, imprescindible!


Hoxe imos falar de normalización do idioma, de ciencia en galego, de dereitos e de acertos editoriais, ademais de recomendar un libro. Pensamos no souto que se ben o mercado das ideas e de propostas na LIX cada vez é maior, este compite en desigualdade co resto do Estado, xa que o noso tecido produtivo recibe cada vez menos apoio institucional e case non se fai nada desde a Administración por campañas de fomento da lectura, pola educación en galego e pola promoción do idioma. Dáse a circunstancia de que cando falamos de lingua de noso ás veces temos dificultades para atopar unha serie de produtos básicos que están no cotíá das nenas que falan en castelán. Tanto é así, que no caso da ciencia e das matemáticas coa aprobación do Decreto do mal chamado plurilingüísmo por non atopar nin atopamos libros de texto nesa lingua. Sabemos moito do tema xa que temos brabadeguiñas ás que lles gusta sumar en galego, o saber en galego e que teñen unha curiosidade innata polo mundo da ciencia e, aínda que si hai libros illados, manuais específicos que podemos atopar relacionados coas plantas, cos mamífearos (Os Inventarios de Kalandraka por exemplo), coa aprendizaxe dos números en Infantil ou co xogo, apenas existe ese tipo de produto que soluciona dúbidas e serve de consulta para un lúdico aprender.

Saudamos no souto con especial querencia A Ciencia do día a día, respostas rápidas para preguntas enxeñosas, E logo... por que? de Xerais Básicos Ciencia, da autoría de Larousse Editorial e con ilustracións de Bruno Martínez Tabares, un imprescindible en galego que sorprende polo seu enxeño e responde a preguntas do tipo Por que estouran os flocos de millo, De onde vén a electricidade e Poden pensar os ordenadores? Un manual que responde a esa curiosidade que nos fai ficar pampas ás adultas ou ás profes, esa curiosidade sá que debemos potenciar para unha aprendizaxe lúdica. Un manual que, completo e moi visual, con ilustracións atraentes, responde a 140 preguntas en galego cunha edición en tapas duras con aneis. Se nunca soubemos a razón pola cal as bombonas son laranxas, se temos dificultades ao explicarlles ás pequenas o motivo polo que afunden e flotan os submarinos ou se simplemente a curiosidade é algo que campa de modo xeral pola casa este, sen dúbida, é o manual que precisas.


Dividido en dous núcleos temáticos, a ciencia en cousas da casa e ciencia para ir polo mundo, está dirixido a todas as idades, pero especialmente a Primaria, onde o saber, a curiosidade, a experimentación e o xogo, deben ser promovidas especialmente para o día de mañá.
Aproveitamos esta entrada de blog para denunciar a escasa presenza da nosa lingua na escola, para saudar agarimosamente aquelas docentes que se esforzan por transmitir coñecemento na nosa lingua, para todas as que entenden que unha lingua, ademais de ser un tesouro e ser a lingua dos nosos antepasados, é unha oportunidade cognitiva única de coñecemento e, tamén aproveitamos para saudar iniciativas normalizadoras marabillosas coma esta de Xerais. 


Ultrarrecomendado

10.26.2018

A raíña galega do Instagram, voar liviá coma bolboreta



O 26 de outubro dedícase a reivindicar as persoas que sofren o dano cerebral adquirido (DEA). O dano cerebral adquirido é a discapacidade resultante dunha lesión no cerebro causada, na maioría dos casos, por un ictus ou un traumatismo cranioencefálico. Afecta a unhas 35.000 persoas en Galiza. Son moitas as consecuencias directas e indirectas que carrexa o dano cerebral adquirido, xa que pode  afectar a distintas áreas e causar discapacidade física, psíquica ou sensorial: son moitas as secuelas tamén ao mesmo tempo, e preséntanse en diferentes graos e intensidades segundo a persoa.
Hoxe imos falar dun volume moi acaído e que forma parte das novidades editoriais de Galaxia. Trátase de Iridium, de Francisco Castro, editado na colección Costa Oeste, que vai dirixido a un público xuvenil e conta a historia de Iris, unha rapaza moi guapa que triufa en Instagram e que ten que volver á vida despois dun tráxico accidente de tráfico no que sofre as consecuencias do DEA. Iridium é unha historia de amor e de superación, de titáns, desa experiencia digna de admiración que teñen todas as persoas que loitan por ser autónomas, é unha historia de rede, da rede familiar que forman os que teñen un fillo ou unha filla que se ve afectado por este mal, pero sobre todo, é unha lección de empatía, de como afrontar un cambio que afecta ao cotiá e ás relacións dunha adolescente que ben pode ser calquera de nós. 
A empatía que provoca o discurso da protagonista, a lección de vida que se extrae, cunha prosa áxil e directa, cargada de humor negro adolescente, ademais do fomento da lectura son os alicerces dunha obra que sacode e que, sen ton condescendente, engancha desde a primeira páxina. A adolescencia, esa etapa difícil na que todas son protagonistas, na que aparecen os primeiros amores, o malotismo, o egoísmo, a desobediencia, a rebelión e a reafirmación da personalidade propia conxúgase maxistralmente coa denuncia social, co culto á imaxe do ser perfecto, do que nos venden como normal, co culto á escravitude do corpo das medidas perfectas. A perspectiva moderna a través das novas tecnoloxías, dese Instagram ao que moitas adolescentes están enganchadas, serve de ferramenta perfecta para reivindicar a diferencia e para que, cando nos crucemos cun deses titáns ou heroínas ou con calquera desas familias que tecen diariamente a rede necesaria, botemos man do amor, da admiración que merecen. 

Recomendamos tamén do mesmo autor e para máis pequenos, outro volume igualmente importante do autor como é o xa clásico e espectacular Chamádeme Simbad, que trata tamén outra das enfermidades que relacionan coa mente, o Alzéimer.

No souto vémola imprescindible para traballar transversalmente nas aulas de Secundaria varios temas, entre eles, a empatía, a diversidade, e para que reflexionen sobre o importante das cousas miúdas que nos fan felices e que nas que ás veces non reparamos.



Con este xesto de Francisco Castro podedes sumárvos ao Día do Dano Cerebral co hastag #CoDanoCerebral nas redes e visibilizar para reivindicar máis asistencia, máis investigación e unha maior calidade de vida para os e as que se ven afectadas.

5.22.2018

O verso do graffiti ten a beleza sorprendente e salvaxe dun elefante que nunca se deixa dominar




Ás veces aparecen libros que son ferramentas moi útiles para a dignificación da lingua, obras especiais que nos amosan o cotiá, o atractivo do cotiá, como ferramenta normalizadora que podemos empregar. Seguramente hoxe, nesta minirrecensión quedaremos curtas, do moito que desta obra se pode extraer. Fran Alonso co seu Street poems, editado por Xerais na colección Sopa de Libros, volve engaiolarnos, coa súa concepción lírica volve dignificar a poesía como ferramenta para traballar a lingua, a imaxe, o espírito crítico, a rebelión. Trátase dun libro de poemas que nos fai conectar coa realidade, coa rúa e que nos inspira, que nos fai gozar a través de cada unha das letras e de cada un dos personaxes que ocupan paredes próximas galegas como a da portada, en Bouzas.


O Street Art, ese movemento que usa a imaxe como manifesto de liberdade de expresión nas rúas, convértese en Street poems, que produce unha forte sacudida  en nós e na que a linguaxe poética, a imaxe, se usa a través da imaxinación. O dominio da linguaxe, directa e en conexión coa mocidade, axita esa tan necesaria capacidade de subversión da mocidade, esa que nunca debemos esquecer. O espírito crítico está presente en textos que nos fan reflexionar sobre a brevidade do tempo e a súa fugacidade, o tempus fugit (Na miña casa habita Tamara de Lempicka); sobre a diferenza que nos fai únicos (Esta ferída que vedes no meu rostro...); sobre a lingua; sobre a terra e a existencia; sobre a súa concepción da cidade (moi presente noutras obras do autor) ou sobre a mesma revolución que implica ser poeta e a poesía.



É un libro que dialóga directamente cun lector xuvenil desde a rebeldía e o inconformismo e que potencia o espírito crítico das palabras e dos seus significados. Nel hai tamén un diálogo de autor que fai referencia a outras das súas obras como O meu gato é un poeta ou Cidades, xogando tamén coa disposición da palabra dentro do verso (caligramas). É unha axitación artística (Todos somos Bansky) renovadora que no souto cremos que se amosa como ferramenta indispensable para traballarmos nas aulas, coa mocidade, para empregala coma reivindicación da palabra en galego e para ir máis aló do libro nunha aposta clara pola modernización do discurso. Podemos conxugar actividades que vaian máis aló empregando iso, a imaxe, esas imaxes que están aí, ao noso dispor, como modelo de coñecemento dunha realidade crítica que amosar, que subverter, na que primen os valores que achega este libro, entre o medio das palabras e das imaxes.

Na súa parte final a obra achega cada unha das localizacións e dos seus autores.
No souto cremos nos libros que sacoden a alma, que van máis aló e nos conectan a través da poesía coa mocidade. Moita faltiña fai que falen a nosa lingua, que axiten a nosa palabra.




4.19.2018

Tres das grandes polo grumo do embigo


Chegou ao souto Cara de velocidade, primeira incursión na LIX  da escritora, poeta e xornalista Marga Tojo, coas frescas e coidadas ilustracións de María Hergueta. A obra, editada por Kalandraka, está premiada co Premio de Poesía Cidade de Orihuela e baixo a nosa modesta opinión é, desde o punto de vista temático e formal, unha revolución, un pisar de acelerador, para poñer cara de velocidade. A protagonista indiscutible é unha superheroína, a voz poética dunha pequena que  converte o cotiá nunha aventura, nun mundo máxico onde o poñer soa unha chaqueta, o abrigo para ir á escola, a dota de superpoderes. Cada poema, cada verso, é unha homenaxe á proeza deses progresos de autonomía persoal, á relación coa contorna próxima, a eses pasos pequenos especiais que todas as nais saúdan.  Un mundo máxico, ese que ninguén debe abandonar aínda que medre, ese concibir a vida como un rebulir de chisteiras é o que atrae. Comer no comedor, cear co avó, a hora do xantar con vasos que se derraman e animais que abrollan entre o puré de patacas, os monstros que adoptamos cando superamos os medos, a fauna da M-30, a selva urbana, a improvisación, a música como terapia para dragóns... todo é unha recompilación de lirismo que nos fai superheroes e superheroínas, especiais, para facer da vida estrelas que semellan bolboretas e que podemos apañar aínda que se nos escapen.

Todo este poemario, sorpresivo e orixinal, lingüisticamente perfecto, coidado, cunhas magníficas ilustracións, que poñen cara de velocidade e de superheroína, serve para que elaboremos unha receita caseira, como no poema, e collamos un pixama calquera (os e as maiores tamén), engadamos unhas bragas ou calzóns calquera, con axuda dunha toalla ao vento, con antiface incluído, e poñamos cara de auténtica velocidade. 


Superrecomendado para traballar a lingua, os animais, o cotiá, a autonomía persoal, a autoestima e, sobre todo, para soñar




3.26.2018

E o timbre volve soar!


A ansia, esa ansia que nos motiva a facer cousas, a movernos, a escribir. Como xestionar esa ansia, esa enerxía que podemos converter en positiva. Como xestionala cando somos pequenas?
Quen non nota cando as meniñas están nerviosas ante calquera cousa?
Tambre Edicións, selo de Edelvives para a nosa terra, esa que leva anos dedicada á fornecernos de coleccións como a de Ala Delta, presenta un álbum ilustrado como novidade que trata da ansia.
 A ansia de coello, de Ramona Badescu e Delphine Durand, é un álbum ilustrado que nos sorprende, xa que ata o final non sabemos o motivo desa ansia que persegue a este singular animaliño, que busca sen acougo a resposta en Esquío, en Oso Pardo, que se distrae limpando, vendo a tele, que pon música, que come con desproporción... Que fai ansia disfrazada de pallaso, presentando o telexornal, cos pingüíns da Antártida, a súa ansia en porrancho? Quen acabará con ela, por favor??

Non imos desvelar que sucede despois, pero temos que dicir que no souto recomendamos este fermoso álbum nos que predomina o rosa e o laranxa, con esas divertidas e apetentes ilustracións, e que nos serve para explicar á perfección que é iso que nos pasa cando estamos nerviosos, inquietos e cando non sabemos acougar.

2.01.2018

Despois dunha cegadora luz verde esmeralda


Chegou ao souto a nova entrega dos Megatoxos, a serie precursora da nosa LIX para mozotes preadolescentes e adolescentes. Anxo Fariña, escritor e ilustrador desta serie, comezou esta saga de aventuras alá polo ano 2007 na editorial A Nosa Terra. Coa cuarta entrega, Os megatoxos e a cara oculta da Lúa (2011) en Xerais, revisa e volve publicar con esta editorial as tres aventuras anteriores  Os Megatoxos e o aprendiz de druída (Xerais, 2012); Os Megatoxos e a espada esmeralda (no 2012) e Os Megatoxos e os Templarios da Luz (Xerais, 2013).
Lonxe de quedar aí, e con aproximadamente 20000 exemplares vendidos dos primeiros libros (incluímos os publicados na desaparecida A Nosa Terra), a saga prende con forza na rapazada e publica a quinta entrega Os Megatoxos e o dragón de xade, inspirada na cultura manga.

Hoxe presentamos Os Megatoxos e a batalla de Rande, acabada de saír do prelo. Os catro mozos, os protagonistas, que acoden ao instituto, volven ter que compatibilizar as clases, coa súa dobre vida.  Ruxe, Faísca, Ninfa, Lúa e os xemelgos descobren nesta aventura que existiu un galeón que non figuraba nos rexistros da historia da batalla que tivo lugar o 23 de outubro de 1702 nas augas da ría de Vigo. A Frota de Prata, composta por españois e franceses, tratou de defender o ouro que ía nos seus galeóns de ingleses e holandeses. Este galeón, O Indomable, portaba unha arpa capaz de cambiar o curso da historia. Cres que poderán alterar o noso presente?

O que caracteriza a serie precursora e máis lonxeva da nosa LIX, a esta nova entrega, volve ser unha prosa áxil e ben construída, ateigada de riqueza expresiva e, sobre todo, dos valores da amizade, a pertenza ao grupo, o poder do amor. Trátase dun discurso temático renovado, apetecible, para unha franxa de idade moi difícil de atraer, sen paternalismos, sen artificios innecesarios. Este volume, xunto cos outros, achega á nosa literatura un engadido de normalización do idioma, dun produto máis que necesario para a dignificación e renovación da nosa LIX. Anxo Fariña tamén se ocupa das ilustracións da saga, do poder da imaxe que acompaña os personaxes, a lapis e acuarela. No souto somos fans de Quetzalcóatl, a serpe emplumada, o fermoso, a xema dos ciclos, a divina dualidade, o erro e o acerto,  movemento e a pausa. Non che apetece saber que foi do Indomable?

No souto recomendamos toda a serie deste autor, Anxo Fariña, g


añador do premio Merlín no 2011, por A chave da Atlántida e do Frei Martín Sarmiento, e por ser un autor que ademais achega contidos curriculares sen que se note de maneira maxistral.

Para rapazolos afoutos a partir de 5º e 6º de Primaria, para todos os públicos que queiran ler.

1.18.2018

Quen quenta o corazón de dous esquíos


Chegou ao souto, coma ano novo, en só cinco minutos, un álbum infantil que peta na porta dos castiñeiros, de nós, do souto. Hai tempo que non liamos algo tan tan fermoso, tan atinado e queremos compartir con vós os motivos. Cinco minutos, de María Lado e Nove Noel, editado por Auga Editora é un pequeno volume editado en tapas duras que conta a historia dun papá e o seu fillo ou filla agardando na parada de autobús. Antes de nada queremos declararnos fans de María Lado, imprescindible e marabillosa poeta, artísta multidisciplinar, dona dunha poética onde a imaxe e a orixinalidade, a sensibilidade fai niño. Nove Noel ponlle a imaxe, complementa o texto, dota as meliñas de alma, retrata os homes grises de sombreiros miúdos, deseña as castañas e contribúe a explicar algo que a todas nos sucede.
A infancia, a impaciencia, o tempo, o gostar do paso dos segundos, esa característica tan común é a base da historia. A quen non lle tardou algo, quen non quixo adiantar o tempo cando este deita devagar.  Ao pé dun castiñeiro voan os paxaros e mentres, a competencia matemática flúe por un texto poético cheo de referencias ao medio, á vida que se xesta enriba das súas cabezas. E di o texto que para saber o que tarda en correr o tempo non abonda con entender de maquinarias. Hai que ter ollo de poeta e saber fixarse nas cousas pequenas.
A maxia, a maxia que debemos potenciar nas nenas desde o berce, é a esencia da felicidade, de gozar fronte a un mundo que moitas veces vai ás présas.

Trátase dun libro que recomendamos para a escola, para potenciar o poder das palabras, pero tamén porque chama polo lector para que dea respostas: En cinco minutos berran catro peteiros famentos e en tres minutos berran tres veces cada un. Sabes cantas veces son?





Recomendación do souto, imprescindible para traballar mates nos coles de Primaria, para traballar o medio, a lingua, a poesía.