12.19.2017
248 peixes do estanque colleron impulso
Hoxe presentamos A merenda do parque, de Pablo Albo e Cecilia Moreno, en Narval Editores, editorial que se suma con gusto a editar na nosa lingua e a facer promoción do noso. A merenda do parque, é deses libros onde o poder do texto e da imaxe gardan unha harmonía perfecta, camiñan da man na aventura dun cativiño, Alberte, que vai merendar no parque e compartir a merenda coa súa fauna, que vai ler e experimenta cal é a fermosura da natureza. Na súa mochiliña leva unha botella de zume, de pexego maduro, unha mazá verde, con rabiño e todo, unha rosquilla grande de chocolate, con burato no medio e un bocadillo de chourizo envolto en papel de xornal. Todo o que acontece despois é máxico. O poder das ilustracións de Cecilia Moreno, de sorprendente creatividade expresiva, artéllase do poder da imaxinación dos textos de Pablo Albo. Un álbum ilustrado necesario que achega a importancia e o valor da promoción do medio, do fomento da lectura, da necesidade de potenciar o soñar conxunto grazas aos maiores. Quen non foi polo parque, polo monte, polas rúas, soñando e compartindo, fixándose nas formigas, observando paxaros ou mirando apampado para os parrulos cando comen pan?
Marabilla que recomendamos no souto para medrar no parque e saber merendar.
Sem comentários:
Enviar um comentário