12.07.2014

Mestura de doce e salgado: un conto para degustar!


Onte, os do souto desprazámonos ao Culturgal e enchoupámonos de escritores e de editores, de xente da cultura facendo unha festa arredor da palabra. Nun momento da tarde estivemos cunha Soledad Felloza sen voz, sen ferramenta de traballo, pero cunha mirada limpa e transparente. Como no souto sabemos do seu galego lindo, do seu maxín, e da súa forza literaria, imos resarcila, imos falar dun contiño que chegou hai meses á nosa redacción, pero que por falta de tempo non tiveramos ocasión de presentarvos. Trátase da Cociñeira do rei, un volume editado por Oqo, e co que a contadora uruguaia, residente en Santiago de Compostela, gañou o Premio de Narrativa Oral Cociña de Contos despois dun proceso de selección entre 30 candidaturas de España, Portugal e Polonia.  O premio estivo aberto para contadores de España, Portugal e Polonia, que narrasen, en formato video, contos infantís que tratasen sobre comida, alimentos ou gastronomía, ben tomados da tradicional oral ou da súa propia creación.
Este fermoso álbum ilustrado da man de Sandra de la Prada cóntanos a historia dun rei que ten unha pena fonda, grande coma unha nube negra e os sabios do reino deciden que dea paseos e que leve unha boa alimentación, mais o problema radica en que o cociñeiro real marchou ao Xapón. Todos os cociñeiros do reino van ser candidatos, coas súas saborosas receitas, dun prato que debe gañar o posto de cociñeiro real. Mencía, unha cociñeira xenial, preparará co doce rimar piripau, de primeiro bacallau!, cebola, pataca, piñón, e sobre todo, corazón!, un prato tan especial que fará soñar, rebulir, voar ao carón do mar, a un rei feliz.
Trátase dun contiño que transmite a mesma felicidade coa que se gaña o rei, as súas ilustracións tan expresivas, transmiten iso, os personaxes axudan a ver a cociña, o feito de cociñar, como algo próximo, como algo co que gozar da vida. Soledad Felloza achéganos un punto de vista culinario divertido empregando rimas enxeñosas e doces coas que abrir as portas da imaxinación. O álbum pertence á Colección O de Oqo e serve para introducir os nenos no mundo gastronómico, no mundo máxico dos burbullares, das potas, das comidas ricas, dos sabores, porque a cociña ha de ser un gran xogo, unha oportunidade única para que as nosas mans se sumen ás miúdas e se enfariñen xuntas.
Un traballo, o de Soledad Felloza, que provoca un sorriso!



Sem comentários:

Enviar um comentário