Un día do mes de maio sonou o teléfono dos do souto e ao outro lado apareceu Magín. Así, coma un ballón, coma o trasgo que é, de súpeto. Nós, os brabádegos, levámonos moi ben con el. Así que quedamos para tomar para un café e, falando e falando, tivemos a opurtunidade de escoitar en primicia o que hoxe xa é unha realidade, un novo traballo de María Fumaça. Xiqui Xoque, Fiú, fiú!, o novo de Sonárbore, de Galaxia, a bomba do verán xunto con Estamos no verán!!!, de Xoán Curiel e Charo Pita (en breve falaremos del).
Foi escoitar o primeiro minuto do primeiro tema e sen sabelo empezamos a mover os pés, co segundo minuto ficamos namorados da marabillosa voz de Ainhoa, Denís, Irea, Carme, Erea e Ruí, os pícaros desta impresionante familia capitaneada por Uxía, Sérgio Tannus Issac Palacín. E a cousa non quedou aí, tema tras tema, peza tras peza, transportámonos a unha eterna romaría, ao campo da festa da aldea mentres corriamos entre a xente ou xogabamos debaixo do palco, por que así, como non quere a cousa, este libro-disco, con ilustracións de P. Pastor, méteseche no corpo, na alma, no corazón. Se a música convida a bailar sen resistencia, as letras son alucinantes. No souto destacamos como superimportante a transmisión pedagóxica que se fai da lingua, xa que Xique, xoque, posúe un marcado carácter transversal. Nel se lle canta aos números, aos peixes, á lúa (devezo inconfundible de miles de cativos), aos libros, combate os medos, traballa a psicomotricidade e pula da identidade nosa, da nosa raigame e, todo isto, mentres canta o galo e un guapísimo e tenro Ruí transmite amor. Redondo e especial con DVD karaoke!
Sem comentários:
Enviar um comentário