Todos os nenos do mundo deberan ter, á parte de moito amor por parte dos maiores, un xoguete especial, un deses que dorme con nós, que nos aloumiña, ese que non esquecemos aínda que pasen os anos, un boneco ou boneca que, agochado durante anos nalgún lugar da casa, ilumina cando o recordamos as nosas vidas, porque é sinónimo de infancia. Eses recordos da soidade do noso cuarto cando rebulimos e adquirimos personalidade, esa soidade acompañada e cómplice que nos reafirma nas primeiras experiencias vitais. Hoxe presentamos no souto unha obra que leva xa uns meses pululando polas librerías e incluída nas novidades de Everest Galicia. Trátase de Ana xa chegou!, de María Canosa ilustrada por Dani Padrón, dentro da colección Ler é Vivir xunto a títulos tan orixinais como Diario de Pichük, o longo longöbio de longölia, orixinal proposta de Manel Cráneo na busca dunha cabeza dunha lombriga por poñer un exemplo. Ana xa chegou! é a historia dun coelliño que garda e protexe, que xoga e acompaña, que vixía e observa os primeiros meses de vida dunha pequena acabada de chegar ao mundo. As ilustracions de Dani Padrón reflicten á perfección a curiosidade dun mundo inexplorado e o aloumiño e a protección entre o bebé e un protagonista achuchable. Todas as mamás e papás do mundo, todos os adultos que teñan memoria dunha infancia plena saben da relación que se establece entre o xoguete especial e unhas mans miúdas que o acariñan. Esa relación é a que estas dúas figuras en expansión da literatura infantil e xuvenil transmiten á perfección. Ana éncheo todo, arrecende todo a ela e o mundo é máis habitable. Ana chega acompañada e aínda ten moito que dicir, a pesar de que non se lle entenda moi ben!
Sem comentários:
Enviar um comentário