5.06.2014

Xa podes tocar o acordeón e non confundilo co saxofón!


Nós, os brabádegos, tamén bailamos, movemos as follas e os ourizos acompasadamente e, ao ritmo do chirlar dos paxaros, compoñemos letras de cancións marabillosas que fan soñar. Conscientes de que o souto pode ser un rebulir de ritmos e sons ultramáxicos aprendemos a valorar a boa música, aínda que sexamos ás veces algo duros de oído e carentes do don. E o don todo, por se o precisas atopar, está recolleito no novo libro-cd de Galaxia, na súa colección, xa especializada en música infantil (non absterse os maiores), Sonárbore.

Nesta ocasíón é Olga Brañas a que compón as letras apaixonadas totalmente traballadas ao compás da música e Sérgio Tannus o gran xenio que produce e participa nos arranxos. Olga Brañas arrodéase ademais de moitos artistas que voan entre as aventuras deste Pitusa Semifusa: Jara Ortiz, Diego Calviño, Coro da Rá, Rafa Méndez, Xiana Lastra, Magín Blanco, Najla Shami, Ramón Bermejo, Uxía, Clara Pino, Xoán Curiel, Xurxo Varela, Sapoconcho, Dalniela Sampayo, Cristina Sánchez, Xacobe Varela, Andrea Picos, Sérgio Tannus... A que nos mergulla neste orixinal traballo é unha meniña neta de directora de orquestra, por que as mulleres poden e deben estar aí para inspirar a outras máis novas nos distintos ámbitos da vida, para reclamar unha igualdade plena. Pitusa Semifusa é a herdeira do legado da avoa, do gramófono, da música que se converte en CD para meter no coche, para escoitar na casa cos amigos. Unha música que en realidade é a protagonista única por que sona no tamboril de Xabier, na gaita de Cris, nas cancións da propia Pitusa, que anceia sabelo todo da música, dos instrumentos, de como funcionan, como se interpretan, se son de corda, se son de vento, como se chaman as súas partes...
Trátase en esencia dun disco-cd metamusical, que se expande e vai dende as letras, desde o nome das distintas partes dos instrumentos (como pode ser o de ferreña na pandeireta) ata o propio son. Explica e aproxima dunha forma divertida á educación musical dos máis pequenos, facendo que prepares o oído, que sexas receptiva á hora de percibir o son, que identifiques. É por tanto, un traballo que, a pesar de estar pensado para todos os públicos, tamén para os maiores, é imprescindible no eido musical, na vida do conservatorio, da escola, e para os profesionais que se dedican á ensinanza da música por todo o país. E non vos enganedes, que sexa un disco didáctico non quere dicir que nas súas letras non haxa divertimento, pois é redondo!
E como non hai canción sen baile, o baile feito ilustración, da festa musical dos instrumentos, do acordeón da pandeireta, do clarinete, do violín, do bombo, do saxo, do contrabaixo ou da gaita, ocúpase un dos grandes, o noso respectado e admirado Leandro Lamas, que acompasa maxistralmente a peza co seu espectacular selo de cor.




Recomendadísimo!

Sem comentários:

Enviar um comentário