12.19.2017
248 peixes do estanque colleron impulso
Hoxe presentamos A merenda do parque, de Pablo Albo e Cecilia Moreno, en Narval Editores, editorial que se suma con gusto a editar na nosa lingua e a facer promoción do noso. A merenda do parque, é deses libros onde o poder do texto e da imaxe gardan unha harmonía perfecta, camiñan da man na aventura dun cativiño, Alberte, que vai merendar no parque e compartir a merenda coa súa fauna, que vai ler e experimenta cal é a fermosura da natureza. Na súa mochiliña leva unha botella de zume, de pexego maduro, unha mazá verde, con rabiño e todo, unha rosquilla grande de chocolate, con burato no medio e un bocadillo de chourizo envolto en papel de xornal. Todo o que acontece despois é máxico. O poder das ilustracións de Cecilia Moreno, de sorprendente creatividade expresiva, artéllase do poder da imaxinación dos textos de Pablo Albo. Un álbum ilustrado necesario que achega a importancia e o valor da promoción do medio, do fomento da lectura, da necesidade de potenciar o soñar conxunto grazas aos maiores. Quen non foi polo parque, polo monte, polas rúas, soñando e compartindo, fixándose nas formigas, observando paxaros ou mirando apampado para os parrulos cando comen pan?
Marabilla que recomendamos no souto para medrar no parque e saber merendar.
Publicada por
Brabádegos
à(s)
02:41
0
comentários
Enviar a mensagem por emailDê a sua opinião!Partilhar no XPartilhar no FacebookPartilhar no Pinterest
11.21.2017
Vender farrapos, regalar amor
No souto cando eramos pequenas faciamos dominós de mistos pousados no mármore da cociña de leña en ringleira. Sempre nos encantou o olor dos mistos cando acenden. Lembramos cando caeu nas nosas mans o clásico de Andersen e a profunda conmoción q nos causou. Simpatizamos coa vendedora de mistos, odiamos profundamente ese final despiadado, quixemos acender mistos para quentala. Tomy Ungerer revisou a historia dándolle a súa singular visión en 1974 e que permanece totalmente actualizada para os tempos q corren. A crítica social, o capitalismo feroz que provoca agresividade e codicia combáteos maxistralmente con maxia neste fermoso alegato de esperanza, de fe. Autor doutros clásicos contemporáneos e premiado multitude de veces, as ilustracións son dunha riqueza expresiva dinámica. Está adaptada por Sandra e Óscar Senra.
Dentro da colección Tras os montes de @Kalandrakaeditora, onde podes atopar máis títulos como Rufus, un morcego q adoraba as cores e, sobre todo, onde podes aprender sobre literatura universal, Os tres bandidos, Adelaida... É, sen dúbida, un álbum ilustrado que nos fai reflexionar, que empatiza con todas, para que promovamos un cambio na sociedade e creamos que outro mundo pode ser posible.
Ambientado no Nadal como o orixinal, neste caso Allumette é protagonista dun insólito milagre cando unha tormenta descarga toda clase de alimentos e obxectos; un maná que, por outra parte, sepulta en castigo a quen a maltratou. A diferenza do clásico do século XIX, esta historia infunde esperanza no futuro da humanidade, coa cativa como exemplo de xenerosidade, entrega aos desfavorecidos e a capacidade para xerar unha vaga de solidaridade que culmina creando unha grande asociación internacional de voluntarias e voluntarios.
Un volume que serve para traballar a empatía, feminista, para explicar as guerras, as inxustizas, como debemos comportarnos ante elas, cal é a actitude que deberan ter os gobernos...
Cuestionar a realidade que se nos presenta, a política tamén, a necesidade de fornecernos de autocrítica, todo, é moi necesario para que non nos vendan mistos cando en realidade o que temos é fame de amor.
Recomendada para explicar facilmente en que consiste o capitalismo feroz e o individualismo, para mudar as tornas.
Publicada por
Brabádegos
à(s)
02:18
0
comentários
Enviar a mensagem por emailDê a sua opinião!Partilhar no XPartilhar no FacebookPartilhar no Pinterest
10.30.2017
Cando estala unha castaña, libérase unha alma do Purgatorio
Escollemos para facer unha entrada neste día O noso Samaín, de Loretta Birott Bermejo e ilustrado por Nuria Valdeón Balsas por ser un dos máis fieis ao que é a tradición. Un magnífico exemplar didáctico que contesta as preguntas básicas onde, como, cando, que.
Un libro que nos conecta aínda hoxe con outros países como Irlanda, Escocia, A Bretaña...
Tamén nos conta, axudado de imaxes gráficas e concretas, a tradición que se transmite grazas aos nosos avós. O emprego de melóns, nabos e outros froitos por parte deles, e a necesidade de que esa tradición se herde.
Editado por Galaxia, vémolo como un libro necesario para comprender que o noso, o que conserv
Se ademais, tamén vos queredes disfrazar, pois adiante!
Publicada por
Brabádegos
à(s)
02:05
1 comentários
Enviar a mensagem por emailDê a sua opinião!Partilhar no XPartilhar no FacebookPartilhar no Pinterest
10.03.2017
Sorrir nos días neboentos
Orixinal e transgresora, a Señorita Bubble é toda unha revolución en varios sentidos para unha vila que cre todo o que o alcalde solta, que é gris, cunha escola gobernada por dúas irmás que pertencen á mafia, totalmente antipedagóxicas, represoras. Sofi e Noa, protagonistas miúdas da historia, descubrirán como a maxia rodea todo alá por onde camiña esta simpática e doce científica. A intolerancia, o medo ao diferente, o empoderamento feminino, a importancia das emocións e dos sentimentos teñen unha importancia vital nesta recomendada e escelente proposta.
Magnífico libro recomendado para cativas a partir dos 10 anos e para lerlles todas as noites a quen aínda non os ten. Un libro para traballar prexuízos na aula, para pór en valor o importante, para reivindicar as ciencias, a rama científica-tecnolóxica na nosa lingua.
Publicada por
Brabádegos
à(s)
02:31
0
comentários
Enviar a mensagem por emailDê a sua opinião!Partilhar no XPartilhar no FacebookPartilhar no Pinterest
9.22.2017
Sentar os ceos a media altura.
No souto temos ás veces, bastante a miúdo, dias nos que as pernas e as mans non nos deixan saborear os tons incipientes do outono. Hoxe imos falar deses días, de Días Lebre de Clara López ilustrado en tapas duras por Marcos Viso.
Días lebre é o contrario de días tartaruga, de ir amodiño, son 15 poemas que fan referencia a aspectos relacionados co día a día, desde a perspectiva infantil e o seu universo. Ese estrés que ás veces se transforma nun ir e vir ateigado de intensidade, do correr das horas e da necesidade de parar para enredar
Cargados coa sutilidade dun humor cativo, cheos de sensibilidade, a fantasía e a proximidade que nos trasmiten os textos de Clara López mestúranse coas impresionantes ilustracións de Marcos Viso. O volume artella un universo simbólico cargado de sensacións, de sentimento, de lingua xogando coa , a disposición textual e unha voz poética chea de claridade e próxima á infancia para unha maior identificación. As ilustracións oníricas de Marcos Viso seguen o compás dos versos a través de formas diluídas, trazos difuminados e cores pastel sobre suaves texturas que evocan o espazo de abstracción onde se produce a poética dicotomía: días lebre vs. días tartaruga.
A rica e expresiva temática voa a través das sumas e as restas, os días da semana, os insectos, os animais, os medos, o mar... Trátase dun volume fresco e sensual, atinado para reivindicar o uso da poesía na aula e o aspecto lúdico das palabras.
Recomendámolo por diferente e orixinal.
Días lebre é o contrario de días tartaruga, de ir amodiño, son 15 poemas que fan referencia a aspectos relacionados co día a día, desde a perspectiva infantil e o seu universo. Ese estrés que ás veces se transforma nun ir e vir ateigado de intensidade, do correr das horas e da necesidade de parar para enredar
Cargados coa sutilidade dun humor cativo, cheos de sensibilidade, a fantasía e a proximidade que nos trasmiten os textos de Clara López mestúranse coas impresionantes ilustracións de Marcos Viso. O volume artella un universo simbólico cargado de sensacións, de sentimento, de lingua xogando coa , a disposición textual e unha voz poética chea de claridade e próxima á infancia para unha maior identificación. As ilustracións oníricas de Marcos Viso seguen o compás dos versos a través de formas diluídas, trazos difuminados e cores pastel sobre suaves texturas que evocan o espazo de abstracción onde se produce a poética dicotomía: días lebre vs. días tartaruga.
A rica e expresiva temática voa a través das sumas e as restas, os días da semana, os insectos, os animais, os medos, o mar... Trátase dun volume fresco e sensual, atinado para reivindicar o uso da poesía na aula e o aspecto lúdico das palabras.
Recomendámolo por diferente e orixinal.
Publicada por
Brabádegos
à(s)
03:26
0
comentários
Enviar a mensagem por emailDê a sua opinião!Partilhar no XPartilhar no FacebookPartilhar no Pinterest
9.17.2017
Derrubando valos, mirando as estrelas
Comezamos o curso cheos de enerxías renovadas despois dun merecido descanso, con ganas de ler mil follas coa chegada do outono, de inzar de castañas os soutos todos. E para comezar un novo andazo de palabras escollemos unha obra de Xerais, O valo, obra gañadora do IX Premio Manuel María de Literatura Dramática infantil 2016, de Carlos Labraña e ilustrado por Nuria Díaz. Forma parte dos textos teatrais máis representativos da Biblioteca Dramática Galega e coedítase coa Axencia Galega das Industrias Culturais, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O valo é unha obra de teatro ideal para fomentar o gusto polo teatro e pensada para representar, ideal para fomentar a dicción na aula, a autonomía persoal e a oralidade. Desde o punta de vista do contido está protagonizada por dous personaxes únicos Soldadiño e Sahara e é unha homenaxe a todas as nenas e nenos vítimas dos desprazamentos causados polas guerras, guerras como a de Siria e as inxustizas daqueles lugares onde os nenos e as nenas medran sendo soldados. Non desvelaremos máis do argumento pero é especialmente útil desde o punto de vista temático para explicar as guerras, as súas causas, para sensibilizármonos contra os conflitos, para abrir as nosas mentes. Tamén é especialmente útil para traballármonos temas secundarios non menos importantes como a literatura de transmisión oral, a diversidade, a tolerancia, as linguas do mundo, as estrelas e as constelacións, a necesidade de practicar a empatía e a realidade social e de crise que nos toca vivir acotío.
É sen dúbida unha obra recomendada para a escola, representable sen gasto, para fomentar e traballar o discurso e para saltar valados que nos dividen absurdamente.
Recomendación do souto
Publicada por
Brabádegos
à(s)
11:11
0
comentários
Enviar a mensagem por emailDê a sua opinião!Partilhar no XPartilhar no FacebookPartilhar no Pinterest
6.13.2017
Inacabadas e imperfectas coma nós!
Se hai un xénero necesario entre as rapazas, ese é sen lugar a dúbidas o do teatro infantil, xa que axuda entre moitísimas cousas, a mellorar a lingua na parte máis precaria, a oral. A necesidade de focalizar a normalización na oralidade é tanta que o teatro, a regueifa, a poesía, todas as manifestacións orais deben priorizarse tendo en conta que ademais potencian a autoestima e o medo a falar en público. Baía edita unha obra que segundo o xurado conta cunha estrutura narrativa orixinal e audaz. Vincular teatro con modernidade temática é quizais o gran logro desta obriña, que emprega, tamén segundo o xurado, o recurso da repetición con grande acerto,
Li e Po, os dous golfiños do acuario de Fushun, están en perigo e vai ser Jiang quen emprenda unha aventura na procura dunha solución. A modernidade, a actualización temática, o ecoloxismo, o respecto pola liberdade dos animais para que vivan no seu hábitat, a superación dos obstáculos que se nos presentan, todo isto xunto cun espazo descoñecido, a maxia da China, artellan unha peza teatral atraente e fresca. Trata ademais un tema de actualidade que ten interese para os máis novos, a reivindicación da vida en liberdade dos animais, o respecto ao medio, con diálogos áxiles e ben construídos. A través dunha elaborada proposta escénica que mestura a técnica de sombras chinesas e o audiovisual recrea un curioso percorrido en diferentes medios de transporte polas exóticas paisaxes da China.
Publicada por
Brabádegos
à(s)
04:27
0
comentários
Enviar a mensagem por emailDê a sua opinião!Partilhar no XPartilhar no FacebookPartilhar no Pinterest
Subscrever:
Mensagens (Atom)

















